Respectarmos as garantías democráticas

Nunha democracia a loita contra o crime, a loita contra o terrorismo, está suxeita a regras, ha respectar as garantías democráticas. As democracias non poden usar do maltrato fisico nin psicolóxico aos detidos e presos. Os detidos e presos seguen a ter dereitos e compre sexan tratados co respecto debido á súa dignidade de persoas. ISIS gaña cando renunciamos á liberdade por unha hipotética seguranza.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 09/01/2017

Comparte esta noticia
A cidadá colombiana residente en Ourense Nibia Cano botou 45 días no cárcere,  incomunicada, por unha feble acusación da Fiscalía colombiana que lle deu veracidade ás acusacións dun coñecido sobre a súa suposta pertenza  á organización terrorista ELN. Era unha persoa absolutamente integrada en Ourense dende hai máis de dez anos. Que necesidade había de que fose  presa preventivamente? E a desproporcionalidade da incomunicación? Unha volta máis ese Tribunal de excepción, emenda á totalidade ao dereito de todos ao xuiz predeterminado pola Lei, chamado “Audiencia Nacional” non respectou a restritiva doutrina constitucional da prisión preventiva.
 
 Hai semanas foron dous cidadáns alxerinos, detidos en Arteixo e Vimianzo cun grande despregamento de medios e publicidade, acusados de seren yihadistas. Todo ficou en auga de bacallau. Serveu, iso si, para criminalizar ao conxunto dos musulmáns. Como tamèn semella feble a acusación  a nove activistas de Causa Galiza, partido que chegou ser suspendido no 2016 nas súas actividades, malia que a “Audiencia Nacional” voltou autorizalas.
 
 En todos estes supostos a loita contra o terrorismo deu abeiro a  actuacións desproporcionadas, acusacións inxustas e maltrato psicolóxico ás persoas. En todos estes supostos, a orixe das acusacións e ordes foron os Xulgados Centrais de Instrución da Audiencia Nacional. Non por acaso continuadora, fixo o día 4 40 anos, do Tribunal de Orde Pública franquista.
 
En democracia non todo é lícito na loita contra o terrorismo. Os prendementos han ser proporcionados e baseados nunha acusación mínimamente solvente. Queremos un Estado de dereito no que se cumpran as regras de xogo, non un Estado policial.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.