Lexislar a prol da banca

A deriva pro banqueiros do Estado español ven de lonxe. Xa no 1950 a ditadura aprobaba unha Orde Ministerial redactada polo profesor Joaquín Garrigues (logo incorporada á reforma da Lei de Axuizamento Civil-LAC-) que facultaba a que os Bancos puidesen redactar unilateralmente as liquidacións das contas de crédito e de desconto bancario para reclamalas xudicialmente pola vía executiva.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 15/01/2017

Comparte esta noticia
Na versión reformada da vella LAC de 1984 e na actual Lei do 2000 definiuse un procedemento de execución hipotecaria que impedía, na práctica, que o debedor puidese opór razóns de fondo (como a existencia de cláusulas abusivas ou deficiencias no consentemento outorgado) para parar o procedemento xudicial. Tivo que ser o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) quen declarou a ilegalidade parcial deste proceso executivo e quen definiu a obriga dos xuices estatais a examinar  sen pedimento previo a legalidade das cláusulas dos contratos que se executan e de anular as cláusulas abusivas, indemnizando aos prestatarios.
 
O Goberno Rajoy aprobou un procedemento de resolución da débeda subordinada de NCG Banco, S.A. (hoxe ABANCA) que impuña parcialmente o seu resgate aos aforradores galegos, con perdas de entre o 22 e o 46% do valor nominal de cada obriga subordinada ou participación preferente. Tiveron que ser os Tribunais os que anularan a contratación destes produtos. A vía arbitral galega non incluiu máis aló dun 30% do aforro afectado, ademáis de non garantirlles a devolución dos xuros legais correspondentes.
 
O Tribunal Supremo, máis permeábel ás presións do Executivo ca os Tribunais de primeira instancia e apelación, decidiu como doutrina legal vencellante que os efectos da nulidade das cláusulas  de chan non poderían ir máis atrás desa data, por entender que doutro xeito prexudicaríase gravemente a estabilidade do sistema financeiro. Tivo que ser outravolta o TXUE, na súa recente sentenza, o que declarara que os efectos da nulidade han ser recoñecidos dende cadansúas datas de sinatura dos préstamos hipotecarios, de xeito que o prestatario ha ser reposto na situación que tería de non existir esa cláusula.
 
Velaí que a constante na historia recente do Estado español fose a tendencia a favorecer á Banca. Só a actuación xudicial e, nomeadamente, a da xustiza europea conseguiu restablecer parcialmente algúns dos dereitos dos consumidores.  
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.