O catedrático galego José Luis Mascareñas, novo membro da Academia Europea das Ciencias

O profesor da Universidade de Santiago formará parte da división de Química desta institución, que conta con figuras científicas tan destacadas como os premios Nobel Barry Sharpless ou Jean-Pierre Sauvage.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/01/2017 | Actualizada ás 15:00

Comparte esta noticia

O catedrático de Química Orgánica José Luis Mascareñas, da Universidade de Santiago de Compostela (USC), ingresará na Academia Europea de Ciencias (EURASC, polas  súas siglas en inglés) tras ser seleccionado como novo membro da división de química, área que integran 100 representantes de todo o mundo e que conta con figuras científicas tan destacadas como os premios Nobel Barry Sharpless ou Jean-Pierre Sauvage. 

O profesor José Luis Mascareñas
O profesor José Luis Mascareñas | Fonte: USC.

O director científico do Centro singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) suma así o seu nome aos dos dous únicos españois que ata agora formaban parte desta división, os catedráticos Luís Oro (Universidade de Zaragoza) e Santiago Álvarez (Universitat de Barcelona).

O nomeamento produciuse a proposta dun dos membros do comité do EURASC tras a avaliación da traxectoria científica do candidato e coincide no tempo co do tamén Advanced Grant Luis Liz-Marzán, investigador egresado da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e actualmente director do CIC biomaGUNE en Euskadi, informa a USC.

BIOGRAFÍA

José Luís Mascareñas (Allariz, 1961) completou a súa Licenciatura en Química en 1984 e doutorouse en 1988 cos profesores Antonio Mouriño e Luís Castedo na USC.

Trala súa etapa postdoutoral na Universidade de Stanford, baixo a supervisión do profesor Paul Wender, en 1993 pasou a ser profesor titular da USC. É catedrático desde 2004. Foi científico visitante nas Universidades de Harvard, Cambridge e no MIT. 

Ao longo da súa carreira docente e investigadora dirixiu 19 teses e cinco dos seus estudantes de doutorado conseguiron un contrato Ramón y Cajal. Ten publicado máis de 110 traballos e realizado máis de 60 conferencias invitadas.

En 2013 o Consello Europeo de Investigación concedeulle un axuda ERC Advanced Grant para o seu proxecto METBIOCAT. En 2009 recibiu o premio de Química Orgánica da Real Sociedad de Química e posteriormente foi distinguido coa Medalla de Ouro 2015 desta institución.

Os seus intereses de investigación divídense entre un programa de síntese, centrado no desenvolvemento de novos procesos catalizados por metais, e un programa bioorgánica orientado ao deseño de novos péptidos de unión a ADN e proteínas. 

EURASC 

A Asociación Europea de Ciencias (EURASC) ten como misión principal promover a excelencia en Ciencia e Tecnoloxía, así como o papel determinante destas no fomento do desenvolvemento e o progreso e económico e social. Trátase dun organismo internacional con plena autonomía, cuxo principal obxectivo é recoñecer e seleccionar aos mellores científicos do continente cunha clara vocación paneuropea, transcendendo fronteiras nacionais non só á hora de seleccionar aos seus membros, senón tamén á de articular as súas políticas, co propósito de fortalecer e impulsar a ciencia desenvolvida en Europa mediante a cooperación e o fluxo de coñecemento entre investigadores.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta