Por Galicia Confidencial | Nova Iorque | 18/01/2017 | Actualizada ás 10:25
A gaiteira Cristina Pato impartirá clase durante este semestre, a partir do 25 de xaneiro, no Departamento de Música da Universidade de Harvard, probablemente a mellor institución académica do planeta, como “artista distinguida” nun curso sobre etnomusicoloxía. Alí impartirá maxisterio, xunto co seu compañeiro de The Silk Road Ensemble Shane Shanahan, dentro do programa ‘The Blodgett Distinguished Artist in Residence’ que mantén Harvard desde hai 26 anos.
Este programa convida a artistas e grupos distinguidos dar clases e realizar actuacións de distinto tipo no seu Departamento de Música. Outros artistas e conxuntos destacados que participaron son o Mendelssohn String Quartet, o Ying Quartet, Neba Solo, Greg Osby, Jean Claude Risset e Sir Harrison Birtwistle.
A artista ourensá estará ensinando no Departamento de Etnomusicoloxía nun novo curso chamado “Performing Musical Difference: Case Studies from the Silk Road Project,” que dirixe Kay Kaufman Shelemay, en cooperación con músicos de Silk Road Ensemble. Nel exploraranse os procesos sociais e os retos éticos do intercambio musical. co obxectivo de crear “conexións inesperadas, colaoracións e comunidades na procura dun cambio significativo”.
Longa traxectoria como ensinante
Cristina Pato leva seis anos impartindo aulas nos veráns e en diferentes cursiños ao longo do curso académico co Departamento de Educación (Harvard Graduate School of Education) sobre o poder das artes na educación en na sociedade (‘Arts and Passion Driven Summer Institute’ ou o último sobre ‘Arts and Healing’), en colaboración con Silk Road Project, que reside na universidade e do que a artista ourensá é conselleira de educación.
Cristina é membro do Silk Road Ensemble de Yo-Yo Ma e un membro fundador do seu Leadership Council, colaborando estreitamente nas xiras e na planificación de residencias, entre elas a asociación multianual entre o Silk Road Project e a Universidade de Harvard.
A gaiteira aspira nos Premios Grammy, que terán lugar a comezos de febreiro, a dous galardóns en dous dos dos proxectos nos que está implicada: a súa formación Silk Road Ensemble, que opta ao mellor álbum de ‘world music’ por ‘Sing me home’, e o filme documental The Music of Strangers, dirixido por Morgan Neville, candidato ao Grammy ao mellor filme musical.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.