Por E.P. | Santiago de Calatrava | 18/01/2017 | Actualizada ás 19:27
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, reprobou que o PSOE "alce a voz" contra os populares tras a entrada en prisión de varios exdirectivos de Novacaixagalicia (NCG) e recordou que o seu xefe de filas, Alberto Núñez Feijóo, denunciou a situación ante o Banco de España. Engadiu que foi "o Goberno do PSOE quen converteu en bancos as caixas" e que "o burato económico" nestas se produciu "co bipartito".
"Cando Feijóo chega á Xunta as caixas están quebradas, nós o que garantimos é que Galicia puidese ter un sistema financeiro", sentenciou, ao tempo que considerou "curioso" que o alcalde de Vigo, o socialista Abel Caballero, pretenda desentenderse e lle recordou que "en 2011 dicía que Gayoso (Julio Fernández Gayoso) non era o problema, senón a solución".
"Estamos a esperar a que convoque unha manifestación a favor dos directivos como xa fixo hai uns anos", ironizou Tellado, quen incidiu en que, ao seu xuízo, non é "o papel" dos populares avaliar unha decisión xudicial (a que ordena a súa entrada en prisión) "fundamentada e argumentada".
O papel dos populares, engadiu, é actuar en clave política. Por iso, reivindicou que se reactivará a comisión parlamentaria das caixas para concluír os traballos iniciados hai anos. "Foi unha proposta do Grupo Parlamentario Popular", defendeu.
FEIJÓO ESCRIBIU AO BANCO DE ESPAÑA
"Estráñame que o PSOE queira alzar a voz nesta cuestión. Porque foi o Banco de España, cun dirixente do PSOE, o que non atendeu unha carta de Feijóo na que instaba a deixar sen efecto as indemnizacións", esgrimiu, para engadir que tampouco entende a "obstinación" do BNG en criticar ao PP.
Unha "obstinación" que atribuíu a que os nacionalistas, que gobernaron co PSOE, teñen "memoria selectiva" e intentan "tapar as falcatruadas dos socialistas. Segundo Tellado, Feijóo foi o único que "actuou" contra as indemnizacións.
CAIXAS "QUEBRADAS" E "INTERVIDAS"
Tamén insistiu en que, cando deu este paso, as caixas "estaban intervidas" e o Banco de España era o que tiña "responsabilidade" para facer algo.
Reiterou que foi o Goberno do PSOE o que "converteu en bancos as caixas" e que o seu "burato económico" se produciu durante a época de goberno do bipartito, para engadir que, cando Feijóo tomou as rendas da Xunta, as caixas estaban "quebradas" e o PP só traballou para manter un sistema financeiro galego.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.