Científicos galegos buscan financiamento en Internet para un proxecto sobre lesións medulares

O departamento de Bioloxía Funcional da Universidade de Santiago lanza unha campaña no portal Precipita da FECYT para desenvolver unha investigación sobre fármacos para a rexeneración axonal tras unha lesión medular.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 03/02/2017 | Actualizada ás 11:06

Comparte esta noticia

Antón Barreiro, investigador do departamento de Bioloxía Funcional da Universidade de Santiago (USC) acaba de lanzar unha campaña no portal Precipita da FECYT (Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología) para acadar financiamento para o proxecto ‘Busca de fármacos para a rexeneración axonal tras unha lesión medular’, co que se pretende achegar unha solución para as 35.000 persoas que se calcula que existen hoxe en España con esta doenza, causada a maior parte das veces por accidentes de tráfico e que produce un dano irreparable para o que non hai un tratamento que facilite a súa recuperación funcional. 

Antón Barreiro (á esquerda) con parte do equipo do departamento de Bioloxía Funcional da Universidade de Santiago
Antón Barreiro (á esquerda) con parte do equipo do departamento de Bioloxía Funcional da Universidade de Santiago | Fonte: USC.

Unha das principais razóns desa falla de recuperación en humanos é que os axóns –prolongacións das neuronas que transmiten impulsos nerviosos– de neuronas cerebrais que conectan a medula espinal non son capaces de se rexenerar despois da lesión e así volver conectar coas súas neuronas diana. Mais se este contratempo se produce en humanos, non é así en animais. O equipo que co dirixen Antón Barreiro e María Celina Rodicio traballa con modelos de lesión medular en peixes, entre eles o peixe cebra, un animal do que se poden obter centos de larvas cada día no laboratorio, “facilitando así a proba dunha gran cantidade de fármacos” e que por ser transparente “permite ver con máis facilidade se a neurona de estudo rexenerou ou non os seus axóns tras a lesión e despois do tratamento cun fármaco determinado”. 

Estudos realizados nos últimos anos demostraron que este peixe é capaz de recuperarse de forma espontánea tras una lesión medular completa de maneira que pode nadar tan só unhas semanas despois da lesión. Pero mesmo neste animal non todas as neuronas que contactan coa medula espinal en condicións normais son capaces de rexenerar o seu axón tras a lesión, “o que indica que existe algún factor intrínseco a determinadas neuronas que o impide”, matizan os investigadores. 

“Se co noso proxecto conseguimos atopar un fármaco que promova a rexeneración axonal no peixe cebra, no futuro tentaremos trasladar estes resultados á recuperación dos pacientes con dano medular”, explica Barreiro.

Para iso, marcáronse un obxectivo mínimo de financiamento de 2.000 euros cos que mercarían os anticorpos necesarios para visualizar a neurona de estudo e unha libraría de 90 fármacos para validar o seu modelo. De alcanzar o nivel óptimo, 10.000 euros, esa libraría sería de 1.230 fármacos, o que aumentaría notablemente as posibilidades de éxito, informa a USC.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta