Desleixo colonial

Dicíamos na finde pasada, noutro foro, que a tarifa eléctrica única (todos pagan igual no Estado, mesmo os consumidores galegos pagamos 23 M€/ano máis ao nos obrigar a pagar adicionalmente o canon eólico que recada a Xunta) prexudicaba grandemente ao noso País fronte a territorios de grande consumo e nula produción como Madrid.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 05/02/2017

Comparte esta noticia
Nós somos os que sofrimos os custos ambientais, paisaxísticos, de expropiacións, derivados da produción e nós non podemos usar o noso excedente eléctrico (máis do 38%) para atraer investimentos industriais que incrementen substancialmente o noso PIB e o emprego de calidade.
 
Estes dias vivimos outra faciana da mesma realidade: os cortes eléctricos que sofriron 176.000 fogares galegos e que este domingo aínda sofrían 28.000. É verdade que a meteoroloxía sempre pode xerar efectos prexudiciais, mais non se diga que non houbo aviso desta volta. O que ocorre é que as redes de media e baixa tensión presentan un grao de pésimo mantemento e que o monopolio distribuidor no territorio, Gas Natural Fenosa, externalizou e reduciu substancialmente os seus servizos até o extremo de non ser quen de restablecer a subministración eléctrica despois de máis de 72 horas de curte. No país que máis enerxía produce do estado sofrimos os peores curtes por padecer os peores servizos de mantemento.
 
 Correspóndenlle á Xunta as competencias de inspección e sanción no eido da subministración enerxética. Pero, como adoita pasar, non soubemos nada do Conselleiro de Economía e Industria. Para máis a Xunta non usou dos seus propios medios persoais para reducir os danos causados pola climatoloxía adversa. Os bombeiros forestais de Galicia veñen de denunciar, pampos e indignados, que a Xunta non os mobilizou nesta crise.
 
Nesta crise de emerxencias non soubemos tampouco de Feijóo. O  caso é que o propio Presidente dicía hai só unha semana que ninguén en España entendería unha tarifa eléctrica propia para Galicia. Ben chocante que a persoa a quen lle encargamos a defensa dos intereses galegos adopte a actitude do colonizado e defenda esa tarifa eléctrica que fai posíbel o expolio enerxético galego. Ao mellor nos explicamos agora aquela aperta co presidente de Iberdrola na sua toma de posesión en abril do 2009. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.