Da lectura da sentenza do caso Noos tiramos a mesma conclusión a respecto das persoas: todas iguais, pero unhas máis iguais ca as outras. Cristina de Borbón foi absolta da acusación de delicto fiscal (condenada só como responsábel civil a devolver o diñeiro que o Tribunal entendeu se beneficiara del) por considerar o Tribunal que, malia ser socia, non era administradora de feito nin de dereito da sociedade AIZOON, S.L.
AIZOON, S.L. era administrada polo seu home e cobraba por servizos supostamente prestados ao Instituto Noos, asociación teóricamente sen fins de lucro que era a que conseguía os cartos públicos e na que rexía unha Directiva na que Urdangarín era presidente, o funcionario da Coroa, Gª Revenga Tesoureiro e a Borbón vogal. A AIZOON, S.L.. se lle cargaban gastos persoais en grande contía, mesmo o servizo doméstico da familia Borbón-Urdangarín. E Cristina de Borbón non se enteraba. Sen dúbida unha respectábel interpretación xudicial dos feitos probados que, porén, choca moitísimo coa praxe xudicial noutros casos semellantes.
Por outra banda, a condena penal de Urdangarin é certamente benigna. O Tribunal decidiu condenalo polos delictos continuados de prevaricación e falsidade en documento público e polo delicto de malversación de fondos públicos. Mais o Tribunal rebaixou substancialmente a pena aplicando unha regra pouco usada do Código Penal que permite beneficiar en circunstancias moi excepcionais aos autores non directos (Urdangarín era só cooperador necesario) e, por riba, aplicou a atenuante de reparación do dano, de moi discutíbel ponderación tendo en conta o atraso procesual co que Urdangarín depositou parte do diñeiro defraudado. A mesma regra de rebaixa da pena aplicábel e a mesma atenuante se lle aplicou ao delicto de fraude á Administracion balear polo que tamén foi condenado.
Se ao exposto lle engadimos a omisión total a respecto do papel xogado en todo este conto polo Emérito fica claro que algunhas persoas son máis iguais ca as outras.