Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/02/2017 | Actualizada ás 14:19
Regresou o fillo pródigo. O alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, aquel que marchou dando un portazo do PSdeG, aquel que puxo ao PP á fronte da Deputación de Lugo e aquel que votou contra os seu partido e os seus compañeiros e "case irmáns" socialistas, volveu á casa que o viu nacer como político e como alcalde.
E volveu, ademais, pola porta grande, grazas a xenerosidade dun pais, o presidente do organismo provincial, Darío Campos, que estaba farto da súas trasnadas. Manuel Martínez ingresará no Grupo Socialista e ostentará a Vicepresidencia da institución provincial. "A partir de agora pomos o contaquilómetros a cero e empeza unha nova época", declarou Campos dando, así, por saldadas as diferenzas co alcalde de Becerreá e deputado non adscrito ata agora.
O goberno socialista en minoría, con dez deputados, aceptaba as condicións para a volta de Martínez, que pasaban por ser vicepresidente da Deputación de Lugo e responsable da agora bautizada como Área de xestión territorial, é dicir, a delegación de Vías e Obras e o Parque Móbil ao que supeditaba o seu regreso.
O 24 de xuño de 2015, Manuel Martínez propiciou o efémero goberno de Candia, de tres meses e ata outubro dese ano, ao votarse a si mesmo na investidura do ente provincial e logo en branco. Isto motivou que os 12 deputados do PP permitisen á candidata popular alzarse co bastón de mando, mentres que o PSOE quedou con dez asentos sumados aos dous do BNG.
CAMBIO DE ÁREAS
Nunha comparecencia conxunta este xoves, na mesma sala de comisións na que Manuel Martínez compartiu numerosas roldas de prensa na anterior lexislatura cando era portavoz do goberno presidido por José Ramón Gómez Besteiro, escenificouse este acordo, 14 meses despois de que se iniciasen os acontecementos.
O regreso de Martínez provocou unha reestruturación no executivo presidido por Campos, de forma que Álvaro Santos deixa a Vicepresidencia e ocuparase agora de Relacións Institucionais. O alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández, cede Vías e Obras e agora ocuparase de Cooperación cos Concellos. Sobre esta reordenación, o presidente provincial asegurou que "non" supuña máis gasto.
"Acabamos de facer oficial unha reestruturación consensuada do executivo provincial. Manolo é membro do grupo provincial socialista, un compañeiro máis, unha persoa que ten toda a confianza e lealdade deste presidente e de todos os seus compañeiros de goberno", proclamou Campos.
A colación, engadiu que tamén se lle axudará para que quede en "nada" o expediente de expulsión do PSOE, agora suspendido preventivamente, por apoiar iniciativas do PP no que vai de mandato.
Martínez agradeceu o xesto de "xenerosidade" de Santos, que seguirá como portavoz do grupo provincial socialista, e de Fernández, que deixan as súas responsabilidades para que as asuma o novo vicepresidente.
Así mesmo, o alcalde de Becerreá destacou que se "cumpren as condicións" e "chegouse a un acordo esta semana". "Aceptadas esas condicións Manuel Martínez volve estar no grupo socialista, eses acordos que había cúmprense (os relativos á vicepresidencia e distintas áreas", manifestou, antes de salientar que nunca renunciou aos seus ideais "socialistas".
ORZAMENTOS
Na mesma comparecencia, Darío Campos avanzou que levará o proxecto de orzamentos á aprobación do pleno da segunda semana de marzo, e confía en obter o respaldo maioritario da cámara provincial. De feito, mesmo suxeriu que buscará que se aproben as contas por "unanimidade".
No proxecto recóllense, entre outros, unha das disposicións que reclamaban os nacionalistas que é unha partida de "20 millóns de euros, para un plan único para os concellos a través dunha repartición equitativa".
FEIJÓO ALERTA DE NOVAS DESAVENENCIAS
Tras a incorporación de Martínez á Deputación de Lugo, o presidente da Xunta dixo que é probable que haxa, agora, novos problemas. Uns problemas que, precisou, virán por parte do BNG, ata hai uns meses socio de goberno do PSdeG, e directamente enfrontado con Martínez.
Alberto Núñez Feijóo, amosou a súa extrañeza por esta nova incorporación. "Non sei como agora lle vale ao PSdeG o que non lle valía hai un ano e medio", dixo sobre as condicións que entón puxo Martínez e que foron, agora, aceptadas polos socialistas. "Non son un experto nos líos do PSOE e, menos, nos do PSOE de Lugo", ironizou.
En todo caso, e preguntado por GC se, a partir de agora, seguirán os acordos entre Elena Candia, presidenta do PP de Lugo, e o ata hoxe díscolo Martínez, o presidente galego limitouse a respostar que o que espera é que se desbloqueen os orzamentos dos concellos galegos
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.