Grupos do Morrazo e Ourense discrepan da liña oficial de ANOVA

Os nacionalistas encaran a súa 3ª asemblea cunhas teses oficiais que apostan pola "mestiza" En Marea. Con todo, un colectivo de Ourense no que participa Davide Rodríguez, e outro do Morrazo cuestionan estas teses. Dende O Morrazo critícase o papel de Podemos Galicia.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/03/2017 | Actualizada ás 15:52

Comparte esta noticia

Os debates previos ao plenario do III Asemblea Nacional de Anova, formación que lidera actualmente Xosé Manuel Beiras xunto a Martiño Noriega --alcalde de Santiago--, chegan ao seu fin esta semana tras a revisión das emendas aos textos 'oficiais' que se someterán a discusión interna o sábado 18 en Pontevedra. Dúas delas, que xa pasaron por ditame da comisión redactora de textos, cuestionan a estratexia política seguida pola formación nacionalista na construción da unidade popular e, concretamente, con En Marea.

Asemblea constituínte de Anova en 2014
Asemblea constituínte de Anova en 2014 | Fonte: Europa Press

Precisamente, a existencia destas dúas emendas --ás que tivo acceso Europa Press-- ás teses políticas, unha presentada en formato de substitución de todo o documento e outra apenas de supresión dunhas liñas, son reflexo das diferenzas que poden levar a que o próximo fin de semana non se logre unha única lista para a elección dos órganos de dirección de Anova-Irmandade Nacionalista.

Así, a incógnita que tamén se dirimirá nos próximos días, será se se logra un acordo sobre as bases duns textos que evite a confrontación entre a militancia ou se vai a unha elección da que se podería extraer se hai estado de descontento coa liña seguida.

En todo caso, a figura do actual viceportavoz parlamentario de En Marea e coordinador de Anova, Antón Sánchez, cobra forza na organización, e conta con eloxios como os chegados doutro referente da formación nacionalista, Martiño Noriega. "É un dos grandes referentes de Anova", dixo a Europa Press en días pasados.

Paralelamente, atópase o papel de Beiras, membro do Consello das Mareas --é incompatible cargo orgánico nun partido con cargo na coordinadora de En Marea--, e que previsiblemente deixará de ser portavoz nacional de Anova nesta asemblea, aínda que seguirá cun papel destacado como referente ideolóxico da organización que é.

Luís Villares, Davide Rodríguez e Xosé Manuel Beiras nun mitin
Luís Villares, Davide Rodríguez e Xosé Manuel Beiras nun mitin | Fonte: En Marea

EMENDAS CRÍTICAS COA SITUACIÓN DE EN MAREA

A emenda máis sinxela, pero que á súa vez supón un cambio substancial do apartado no que se fala da creación dun suxeito de ruptura e, en concreto de En Marea, é a presentada pola asemblea de Ourense e leva a firma de, entre outros, o deputado Davide Rodríguez.

O parlamentario xa protagonizou nas eleccións ao Consello das Mareas a lista 'Somos quen', na que se aglutinaron militantes de base e cargos de Anova descontentos coa liña oficial da formación nacionalista. Enfrontouse a outras dúas, entre elas, a liderada polo actual portavoz parlamentario de En Marea, Luís Villares, e na que se integrou Beiras.

Dáse a circunstancia de que a candidatura Somos Quen apoia que Villares sexa portavoz do partido En Marea, respaldo que non se corresponde co da propia candidatura do portavoz parlamentario, que oficialmente conta cun documento que lle impide desenvolver ese labor.

Pero, ao tempo, Villares ten apoios dentro da súa lista para selo, entre outros, o do propio Beiras: "O lóxico é que estean conxugados na mesma persoa o portavoz do traballo parlamentario e o portavoz do traballo na sociedade", defendeu este sábado o veterano político.

POSTURA CONTRARIA DA COMISIÓN REDACTORA

Con esta situación de fondo, a emenda presentada por unha quincena de militantes de Ourense pide suprimir o texto no que se fai referencia a que a "polarización do espazo (de En Marea) entre identidades militantes, expresadas nunha falsa contradición entre nacionalistas e non nacionalistas, suporía unha renuncia a todo o traballo realizado".

O texto que se propón suprimir seguen así: "Unha involución escura que non podemos permitir, que pon en perigo o proxecto estratéxico de Anova (de unidade popular) e que condena a este país a un escenario de postración, de frustración colectiva e de limitacións políticas máis que evidente. Dar pasos atrás ou caer no resistencialismo é unha emenda á totalidade de todo o que levamos construído nestes últimos anos".

A comisión redactora está en contra da supresión destas liñas, xa que, argumenta, sería, ao seu xuízo, "pór en perigo o proxecto estratéxico de Anova" e suporía unha "emenda á totalidade", como xa di o propio parágrafo.

Para a comisión redactora, que elaborou os documentos 'oficiais', "non se pode renunciar á creación de espazos mestizos", nos que participan "persoas nacionalistas, xunto con outras que, sen selo necesariamente, comparten un proxecto nacional de transformación profunda da sociedade galega".

CRÍTICAS DENDE OS MILITANTES DO MORRAZO

Pola súa banda, a emenda de varios militantes do Morrazo --neste caso non aparecen identificados-- é moi dura coa actuación realizada pola dirección de Anova, como a "nefasta experiencia de funcionamento" da mesa coordinadora de En Marea, que debía rexer o funcionamento dos deputados no Congreso.

Tamén critica que, aínda que o manifesto de alcaldes --dos rexedores de Ferrol, A Coruña e Santiago-- logrou abrir o camiño para a fundación de En Marea o 30 de xullo de 2016, logo "non houbo ningún espazo de debate colectivo nas bases e esta segue sendo a situación actual".

Nesta emenda censúrase que o "poder de decisión das bases adquiriu un valor secundario e dotouse de protagonismo aos acordos de cúpulas vestidos de grandilocuencia democrática baixo a dirección dun reducido número de notables que se autodenominaron líderes do proceso".

Este texto tamén discute a integración de Podemos Galicia na candidatura para as autonómicas "na forma en que se fixo". A formación morada estaba fóra da confluencia mesmo na asemblea de xullo por incompatibilidade cos textos políticos cos que a súa secretaria xeral, Carmen Santos, gañou as eleccións internas.

No entanto, a formación morada acudiu ás primarias de En Marea despois de que o líder de Podemos, Pablo Iglesias, a través Twitter cambiase o discurso das conversacións anunciando que a súa formación iría á confluencia.

A emenda do Morrazo lembra a situación que se deu no proceso para elixir o Consello das Mareas e critica "o clima interno dos grupos parlamentarios de En Marea en Madrid e en Compostela", como mostra de "as dificultades e atrancos do proxecto".

Así as cousas, conclúe que, "se non hai unha práctica de unidade popular, non pode existir a unidade popular por moitas veces que se repita, escríbase ou se reflexións de múltiples maneiras".

"Anova debe contribuír á unidade popular no traballo concreto, na práctica e na decisión, no fortalecemento dos espazos de encontro común, con posturas políticas e ideolóxicas compartidas pero cun ritmo sosegado (...), asentado na esquerda rupturista e na concepción nacional de Galicia", defenden.

Así mesmo, os impulsores desta emenda entenden que Anova "debe impulsar a ampliación da base militante dun espazo ideolóxico que Anova achega ao proxecto En Marea e consolidarse como referente da unidade popular".

RESPOSTA DAS TESES OFICIAIS

A estes comentarios replica a comisión redactora. "Máis que dunha tese política estamos ante unha serie de xuízos de valor en relación ao traballo político realizado por compañeiros e compañeiras electas democraticamente, con xuízos de intención gratuítos sobres as súas persoas", advirte.

O grupo de traballo 'oficial' avisa de que a "influencia de Anova non se mide no número de actas que se conseguen nas institucións españolas", senón na "capacidade de condicionar debates e de conseguir que as teses sexan hexemónicas no espazo de unidade popular". "De feito, Anova ten unha influencia política no país que non se corresponde co seu peso cuantitativo, senón cunha estratexia política audaz e coa capacidade de establecer sinerxías e alianzas", sentenza na súa réplica a comisión redactora.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 7 comentarios

6 Nexus 6

A los que levantan el puño no les importa que les huela el sobaquillo. A los demás también les huele a rancio, pero demuestran tener más pudor. Si es que a estas alturas, eso de ser comunista....Ya lo decía Kundera "con los comunistas (y si son nazionalistas, peor), nunca se sabe qué pasado nos espera". ¡¡Salud y República camaradas!! http://www.elmundo.es/cronica/2017/...

5 Eudogio

A culpa é do BNG.

1 FRPU

Pero aínda existe iso do BnG? Non se meteron no PsoE?

4 Chú Norri

Perdón por la intromisión! pero calificar a "Anova" de nacionalista es como aquello tan viejo de calificar al pulpo como animal de compañía.....Puede ser un buen partido de izquierdas de galicia....un gran partidoi bisagra...un partido ...no sé...obrero....o de notables.....nadie discute la valía de su "soldadesca". Pero nacionalista? si acaso nacionalista español!!! matizaría yo...Amos...digo eu!!

3 A ma marla a Parla

Pero existe Anova máis alá de Cangas do Morrazo?

2 Mauricio

Otro grupo. hahaha...y estos quien son? Joer, que con los podemitas ya tenemos más que suficiente.