Racha ou non racha a Confederación de Empresarios de Galicia?

As críticas cruzadas entre os presidentes da CEG, Antón Arias, e o de Pontevedra, Jorge Cebreiros, tensan as relacións empresariais entre o norte e o sur. As ameazas de Pontevedra de deixar a organización, e de Ourense, de secundala, abriron unha fonda ferida entre os empresarios. A CEG prepara unha solución de "emerxencia".

Por Xurxo Salgado | Vigo | 14/03/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

"Non vou dimitir, síntome lexitimado e apoiado polo conxunto da organización". O novo presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Antón Arias, ten claro o seu futuro e o desta entidade. Un futuro que, polo momento, é moi gris tras as ameazas da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) de romper con esta organización e os amagos da de Ourense con facer o mesmo. Gris... Pero non negro.

Arias criticaba este mesmo luns que a organización está "bloqueada" por "aqueles que votaron en contra" da súa candidatura, en clara alusión a Jorge Cebreiros, presidente da CEP, a quen acusou de ter "un comportamento antidemocrático" porque "non respecta o que decidiu a maioría". "Este non é un problema de persoas, se non de proxecto e de visión", dixo Antón Arias, para quen esta actitude responde a un temor ao cambio de modelo e a que "as cotas de poder que tiñan algúns as perdan".

"O que pasa na Confederación é unha loita de galos. Hai un que perdeu e que non asumiu a derrota e segue querendo picar no gañador", apunta unha fonte interna da CEG consultada por GC. Ata o de agora, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) era un ente na que había un equilibrio de poder, sobre todo, entre A Coruña e Pontevedra e no que Lugo e Ourense exercían de árbitros. Pero ese equilibrio rachouse xa antes da elección do anterior presidente, Antonio Diéter, que tivo que dimitir, precisamente, pola presión que tiña das confederacións de Ourense, Pontevedra e Lugo, aliadas na súa contra.

As alianzas entre A Coruña e lugo

E como na CEG todo é "un xogo de cotas de poder" houbo que tecer unha nova alianza. E o gran muñidor desa alianza, como aconteceu con Antonio Diéter, foi Antonio Fontenla, ex presidente da CEG, que conseguiu atraer á Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) ao nomear ao seu secretario, Jaime López, como secretario da CEG. "Unha operación mestra que desactivou a estratexia de Cebreiros", suliñan as fontes consultadas.

O certo é que con este "movemento" gañaron a Confederación de Empresarios da Coruña (CEC) e a de Lugo. Antón Arias, home desigando por Fontenla, situouse como presidente e Jaime López sería "rehabilitado" no mundo empresarial coa súa designación como secretario, tras a súa vinculación coa Operación Campeón. Unha estratexia que ademais lle axudou, segundo as fontes consultadas, a consolidar o seu poder en Lugo xa que prepara a fusión dos polígonos de O Ceao e As Gándaras para situarse, tamén, como secretario deste novo gran organismo empresarial lucense.

Deste xeito, a nova CEG garantiza o control da Executiva xa que controla tres dos cinco votos; dous das confederacións provinciais --Lugo e A Coruña-- e voto de calidade do presidente. Este movemento xestouno Fontenla ao final do pasado ano para tentar evitar o bloqueo da institución, incapaz de aprobar as contas e asinar os créditos pendentes. E precisamente, esa estratexia, da que quedou excluído Jorge Cebreiros, o secretario xeral da CEP, supuxo o inicio doutro tira puxa empresarial.

O acordo que "rompeu" A Coruña

"Había un pacto de non agresión que romperon na Coruña", suliñan outras fontes vinculadas á CEP. En declaracións a GC apuntan que o que se tiña falado era de ter unha dirección transitoria, tras a saída de Diéter, na que non houbera un peso específico de ningunha das organizacións á espera de chegar a un consenso. Pero, ese suposto acordo tácito --que do outro lado non recoñecen--, "non foi cumprido".

De aí, o amago de Cebreiro de abandonar a CEG. Primeiro, anunciando que a súa organización deixa de asistir ás xuntas executivas da CEG, e logo, indo máis alá e apuntando que pode abandonar a organización galega. Unhas ameazas que, en parte, foron secundadas polo secretario xeral da organización en Ourense, Pérez Canal, que tamén apostaba, hai pouco, por "refundar" a Confederación de empresarios "desde o Sur".

Ao final, semella que na CEG todo se reduce a unha guerra entre A Coruña e Pontevedra ou entre o norte e o sur. Sem embargo, e segundo as distintas fontes, o sangue non vai chegar ao río. A pesar das advertencias, a COU acudiu a última xunta executiva do CEG porque hai un sector importante desta organización, especialmente, o encabeado polo Polígono de San Cibrao, que está a favor da integración e do novo presidente. "E como pronto haberá eleccións na CEO, Pérez Canal non pode arriscar máis da conta, sobre todo se pon en contra ao Ceao que lle pode facer perder as eleccións", apuntan as fontes consultadas.

O futuro

Antón Arias xa apuntaba este martes unha saída a crise. O problema é de "proxecto, e de visión". Se a CEP insiste en manterse á marxe da CEG, o seu presidente podería activar "vías alternativas". Entre os seus obxectivos está unha reforma dos estatutos nos que se podería incluír a posibilidade de crear unha nova entidade empresarial en Pontevedra, ao marxe da CEP, para que cubra o vacío desta organización. "E entidades coas que facela, existen", apuntan en alusión a Asime, o polígono das Gándaras, no Porriño, e outras institucións sectoriais críticas con Cebreiro.

Sen embargo, esta posibilidade sería de "emerxencia" e, as fontes consultadas, sinalan que, ao final non será necesario poñela en marcha porque, "todos na CEG acaban sempre no mesmo rego". "A división non favorece a ninguén, nin aos do norte, nin aos do sur", conclúen.
 

O presidente da CEG, Antón Arias, na Radio Galega
O presidente da CEG, Antón Arias, na Radio Galega

Os dous candidatos a presidir a CEG nas anteriores eleccións; Antonio Dieter e José Manuel Pérez Canal
Os dous candidatos a presidir a CEG nas anteriores eleccións; Antonio Dieter e José Manuel Pérez Canal | Fonte: teinteresa.com
Fontenla e Alvariño logo das eleccións á CEG en 2009 son os principais resposnables da situación actual
Fontenla e Alvariño logo das eleccións á CEG en 2009 son os principais resposnables da situación actual
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta