Por Xurxo Salgado | Vigo | 15/03/2017 | Actualizada ás 14:30
“A reforma -laboral- do Goberno de Mariano Rajoy é un fracaso pola elevadísima precariedade”, dicía o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Antón Arias, nunha recente entrevista. Un severo toque de atención a política laboral do presidente español e do Partido Popular que non gustou entre o sector crítico da súa organización, nin tampouco na Xunta.
Segundo as fontes consultadas, estas declaracións de Arias serviron para que algún dirixente do sector crítico fixera chegar “certos recados” ao Goberno galego para evitar “dar balóns de osíxeno” a quen critica as súas políticas. Un recado que foi ben recollido. Ata o momento nin Arias, nin Feijóo se teñen reunido desde a elección do primeiro, nin tampouco hai previsto ningún encontro no futuro próximo.
A Confederación de Empresarios de Ourense e de Pontevedra aproveitou as súas palabras para cargar contra o presidente da CEG en sendos comunicados e desmarcase das súas críticas á reforma laboral e á calidade do emprego que está a xerar. Unha oposición que facían pública logo de que a CEG emitira tamén un comunicado no que lamentaba o escaso crecemento dos salarios e a temporalidade do emprego.
“En ningún momento dentro dun comité executivo, xunta directiva ou asemblea da CEG se chegou nin sequera a debater esta cuestión polo que consideramos que esta opinión non é froito dun debate, reflexión e dun consenso dentro da organización e dos seus integrantes, senón que, en todo caso, será unha opinión meramente persoal e particular do presidente da CEG”, apuntaba a patronal dirixida polo ourensán José Manuel Pérez Canal.
Arias insiste na "precarización" da sociedade
Non tardou en dar a súa opinión Arias que acusou a CEO e a CEP de “utilizar de forma torticeira" as súas valoracións críticas cara á reforma laboral. E volveu a insistir en que, ao seu xuízo, é "de lóxica" que "a sociedade española non pode manter unha situación que xera desigualdades" e tampouco pode "estar contenta cun modelo de precarización". Ademais, quixo deixar claro que un "tema compartido" e un pensamento "maioritario" na CEG.
“Está claro que houbo quen utilizou as súas declaracións para tentar cizañar e tentar crear un novo problema político coa Xunta”, sinalan as fontes consultadas. Tamén embran que, durante a crise na CEP –que levou á impugnación dunhas eleccións-- “tamén estivo a man negra da Xunta” e apuntan directamente “ao entorno de Alfonso Rueda”, que tería apoiado a Cebreiros.
Por iso, apuntan que, precisamente, desde o Goberno galego se utiliza a crise interna da organización para evitar ter encontros oficiais ata que “non se resolva” a súa situación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.