O noso derbi

Compre recoñecermos o mérito cando sabemos facer as cousas ben. Neste senso, o clima de amizade e concordia acadado nos nosos derbies fala ben do civismo e do patriotismo de ambas as dúas afeccións. Nestes últimos anos, facendo parte dunha grande remuda xeracional, aquela violencia, aquela intolerancia ficou atrás.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 19/03/2017

Comparte esta noticia
Os vellos localismos foran potenciados aposta para evitar a unidade entre galegos. Así foi no franquismo e así fixeron na transición caducos españolistas como Leri ou Paco Vázquez. A reivindicación dunha Coruña ou dun Vigo paifocos e illados do resto de Galicia percuraba, en realidade,  neutralizar o desenvolvemento da nosa conciencia como País.
 
Velaí como a non  doada institucionalización da previa cantando xuntos o Himno Nacional, ou  o costume sán de irmos xuntos de troula deportivistas e celtistas visibilizan que son moitas máis cousas as que nos unen. E que só nos separa nada máis-e nada menos- que distinto amor futbolístico. O que non impide querermos e respectarmos antes, durante e despois do partido. A aperta entre Anxo e Roque no anuncio Imposible sen ti fai máis pola idea de País ca media ducia de mitins galeguistas dirixidos aos de sempre.
 
No deportivo, o derby debeu rematar en empate. Mais o Celta aproveitou a única oportunidade mentres o Dépor perdeu a única súa. Iago Aspas decidiu e o de Moaña voltou amosar que lle falta en deportividade  o que ten a moreas en calidade futbolística. Nesta caste de derbies as provocacións están de máis.
 
Galicia semella ter integrado xa a rivalidade futbolística no seu ADN, vivindo en galeguidade e amizade o que até hai poucos anos eran eventos de división e enfrontamento.
 
A arrincadeira.- Novo referéndum de independencia en Escocia
 
Escocia pronunciouse en xuño pasado nidiamente contra o Brexit (62 vs 38%). Europa é para a maioría dos escoceses unha aposta de integración e desenvolvemento, coñecedores de que a conservadora Inglaterra prioriza a desregulación laboral ou ambiental fronte ao fondo sentido comunitarista dos caledonios.
 
A first minister nacionalista, Nicola Stugeon, ven de anunciar un novo referéndum de independencia cara fins do 2018 ou primeiros do 2019, intrepretando a xeito o fondo malestar dos seus compatriotas a respecto do Brexit.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.