O plan do litoral, nin unha mala palabra.. nin unha boa acción

Quen escoitara esta mañá a intervención de Núñez Feijoo na “presentación mediática” do Plan do Litoral e non soubera nada da experiencia de goberno de quen é hoxe Presidente e fora, no seu dia, Conselleiro de Ordeación do Territorio, seguramenete podería ter pensado que estaba diante dun proteccionista da natureza e non de quen foi en boa parte responsable da destrucción dunha parte do noso litoral e non parece que pensé rectificar.

Por Mar Barcón | A Coruña | 25/01/2010

Comparte esta noticia

Efectivamente, esta mañá no Hotel San Francisco, os asistentes puideron comprobar cómo o señor Presidente da Xunta é capaz de elaborar un discurso que poderían suscribir casque todas as organizacións ambientalistas e, dende logo, a meirande parte da sociedade galega… A lástima é que isto foi todo e que isto é todo.. Como diría aquela canción dos anos sesenta do pasado século.. “parole, parole…”.  Por certo, nada máis que “parole” e un discreto folletiño para os alcaldes, sindicalistas, parlamentarios, empresarios, técnicos e representantes de distintas institucións que Feijoo nombrou unha e outra vez – quizás tentando demostrar o seu poder de convocatoria – pero que non mereceron que se lles dira nin un resumo do que a Xunta propón para o litoral… Vese que a “austeridade” ía a cargo diso e non do super video en formato “sete pantallas” có que nos deleitaron onde puidemos comprobar qué duro era o traballo que tiñan que facer, qué fermosa é a nosa costa e qué variada..

Lástima que en plena orxía da natureza, o Presidente da Xunta non nos explicara cómo se compadecen as súas palabras coa autorización para instalar unha planta acuícola en Touriñán – convenientemente o video remataba xustiño antes de chegar á vista do fermoso cabo.. non fora a ser que a vista deixara en evidencia o espíritu naturista de Feijoo - ; qué ten que ver o chamamento ó consenso con tentar aprobar a reforma da Lei do Solo  - pequena e que non soluciona gran cousa – pola via de urxencia e cales son as razóns para facer esta presentación antes de que teñamos craro por donde van a ir as Directrices de Ordeación do Territorio (durmindo o soño dos xustos dende a chegada deste Goberno). Lástima que Feijoo non atopara un tempo no seu discurso para explicarnos estas e outras dúbidas que fan que nos acheguemos con moito escepticismo a un documento que nin coñecemos nin, ó parecer, poderemos coñecer hasta que “chegue polo conducto regulamentario” (¡!?) segundo nos informaron hoxe..

Cada palabra desta mañá non foi senón unha enmenda á totalidade do urbanismo feito ó longo dos gobernos populares, non foi senón o recoñecemento do moito que se teñen engañado poñendo por diante do interés colectivo o daqueles que só buscan o aproveitamento económico inmediato ainda que sexa a costa do noso patrimonio máis prezado, o noso territorio. Cada palabra desta mañá retrotraíanos ás decisións que permitiron destrozar unha parte sustancial do noso litoral, que sacralizaron modelos tipo Sanxenxo e que fixeron da especulación urbanística o eixe en torno ó cal se trazou a política do territorio. Cada palabra era unha enmenda ós gobernos de Fraga e ó Conselleiro Feijoo.. Lástima que baixo esa declaración de bós propósitos non se agoche moito máis que decisións que nos levan de novo ó pasado.. Agora é cando, Touriñán é donde.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA