Seguridade nos aeroportos

No país que pretende espirnos, primeiro os corpos e logo as conciencias, pode vostede mercar e circular cunha arma de asalto ata por Disneylandia. Consonte coas cifras de criminalidade, a día de hoxe é inmensamente máis doado morrer dun tiro na cola do paro ou sentado no pupitre da aula, que como consecuencia dun atentado a un avión. E ninguén se lle ocorre prohibir a venda de armas, entre outras cousas porque curiosamente armas e escáneres son fillos do mesmo pai.

Por Manuel G. Antón | Fene | 28/01/2010

Comparte esta noticia

Tamén en España pode vostede  viaxar tranquilo en avión, pero vaia con ollo cando camiña pola Gran Vía, decide saír a tomar unha copa a altas horas da madrugada e mesmo se opta por quedar tranquilamente no seu fogar.

Os últimos acontecementos que causaron alarma entre os pasaxeiros dos avións estiveron relacionados coa inxestión de alcohol. Aínda que a solución parece evidente, non se preocupen aqueles que para afogar o medo a voar necesitan meterse un par de copiñas, non caerá esa breva. A seguridade real sempre estará supeditada a intereses económicos varios.

A verdadeira medida da seguridade nos aeroportos queda de manifesto cando, xusto despois de pasar o control, e aínda preocupados por manter os calzóns no seu sitio, pola megafonía nos advirten de que non perdamos de ollo as nosas pertenzas, so pena de que alguén se ocupe delas, ou cando no noso destino recibimos a maleta convenientemente alixeirada de obxectos de valor. Se a iso engadimos que disque levamos uns anos odiando e perseguindo ao Sr. Llamazares; que aqueles que atentan contra unha personalidade teñen garantidos memorias, libro e película, e, en España ademais, cadeira en programa de televisión e posibilidade de afiliarse á SGAE, e que nos últimos affaires relacionados coa droga e a trata de brancas case sempre aparece implicado algún membro das forzas de seguridade, non parece que a solución ao terrorismo pase precisamente por lucir os nosos encantos diante dun atento vixiante.

Recentemente vimos, oímos e lemos nos medios de comunicación ata a saciedade que o método máis eficiente para derrubar un avión é mercar no quiosco da esquina un lanzamísiles portátil, deses de andar pola casa, coa súa correspondente "munición". E cóntannos agora que os terroristas, para evitar os escáneres despelotantes, van tragar os explosivos. Supoño que, para poder detonalos teranos que expulsar, porque, no caso contrario, complicase extraordinariamente o prendido da mecha. Poderían aderezalos cun móbil, dos pequenos, por suposto, e sen baterías de mercurio, que sonche nefastas para a saúde, e estoupalos cunha sinxela chamada. Poderían encher tamén un balón gástrico con gas inflamable, e activalo utilizando un bo flamexado cunha bebida branca de marca. De palmala pola causa, polo menos que sexa con clase. Posto a colaborar, como bo cidadán, ocórrenseme unhas poucas ideas para mitigar os riscos: tapóns na boca e o ano; prohibir o uso de móbiles e volver ao tamtan; suprimir os aseos dos avións e obrigar os pasaxeiros a voar cos traseiros incrustado nas xanelas; ... En calquera caso, a campaña de marketing para colocar os aparatos de mirarnos por dentro xa comezou.

Non me digan que non resulta sospeitoso que xunto coa denuncia do suposto problema xa se propoña a solución, que curiosamente está en mans dos de sempre: coñecidas empresas de seguridade, defensa e armamento, nas que sistematicamente coinciden determinados perfís profesionais e persoais nos seus consellos de administración. Non me digan que a posta en escena non lles recorda a outras operacións de marketing de resultados amplamente coñecidos: armas de destrución masiva; gripe aviar, porcina e A; quentamento global; ..., nas que, ao abeiro dos consellos de presuntos expertos vinculados a organizacións internacionais de renome, os nosos gobernos sempre rematan convencéndonos de que, por acción ou por omisión, a mellor alternativa para todos e para todo é poñernos, voluntariamente iso se, mirando para Cuenca.

O tempo pasa, pero os métodos permanecen. O medo ao ataque nuclear, que tan ben funcionou para xustificar a necesidade de investir cantidades inxentes en sistemas de "defensa" estratéxica e para fomentar o negocio dos refuxios soterrados, foi substituído polo temor ao ataque terrorista, ao virus de deseño e ás grandes catástrofes vinculadas ao cambio climático. Coma se o fútbol, os programas do corazón e as penurias económicas non fosen suficientes para controlar e silenciar ao persoal.

Por certo, sei de boa tinta que xa están en pleno desenvolvemento os tomógrafos especiais de raios pensantes, capaces de ler o cerebro na procura de malas ideas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Manuel Guillermo Antón Villamil Naceu en Ferrol en 1957, aínda que a súa vida sempre estivo ligada ao Concello de Fene. É Arquitecto Técnico, Licenciado en Administración e Dirección de Empresas, e Diplomado en Estudos Avanzados en Administración e Dirección Pública. Neste intre prepara a súa tese doutoral na área de investigación de Economía Aplicada. Funcionario de Administración Local e Experto en Formación Ocupacional, compaxina estas actividades co exercicio como profesional liberal. Froito dos seus traballos de investigación, publicou A Formación da Axenda da Política Galega de Acuicultura Mariña (Edicións Embora, 2009) e A Ceca de Xuvia: una visión dende a Economía (Edicións Embora, 2009). En relación coas súas actividades no Concello de Narón, publicou varios artigos sobre a xestión de residuos sólidos urbanos na revista Equipamientos y Servicios Municipales.