Pode ter Galicia un fuso horario diferente ao do resto do Estado?

O Consello da Cultura remitirá ao Congreso e ao Goberno central un documento no que se defene a necesidade de revisar o fuso horario do Estado con “bases científicas”.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 23/03/2017 | Actualizada ás 11:14

Comparte esta noticia

O fuso horario e a pertinencia ou non do seu cambio centra a publicación 'É o noso fuso horario un problema?', editada polo Consello da Cultura Galega e presentada este mércores por Francisco Díaz-Ferros Viqueira, coordinador da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade, e o coordinador da publicación, o catedrático de Electromagnetismo da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Jorge Mira.

Presentación da publicación sobre o fuso horario
Presentación da publicación sobre o fuso horario

Na presentación, Mira fixo referencia á xornada celebrada en 2016 que convocou no Consello da Cultura aos principais expertos participantes nun debate que, neste caso, foi "aberto" e incorporou "todas as posicións" ao redor do fuso horario. Así, defende que o fuso "non" é un problema en España, pero avala o debate sempre con base científica fronte a "disparates".

E é que, ás veces, recalcou que os argumentos que se utilizan para a defensa do cambio baséanse en "disparates" ou "falacias". A modo de exemplo, no texto que subscribe na publicación presentada este mércores, alude ao "mantra" de que España non ten horarios europeos.

"Un mantra que, a base de ser repetido polos grupos que piden o atraso do noso fuso horario, calou na sociedade española, explotando nosa secular tendencia á autoflaxelación. Novamente incorre no gravísimo erro de razoar sobre un mapa plano cuestións que se deben explicar sobre unha esfera", constata.

Os pros e os contras

Neste documento o lector poderá coñecer as tres posicións fixadas na actualidade ao redor do fuso horario: a de que non debería variar a situación actual, a de que España debese unirse ao fuso de Reino Unido e Portugal, e mesmo a de que os parlamentos valenciano e balear pediron un fuso máis próximo a Centroeuropa.

Na introdución da publicación, Mira reflexiona sobre o "calado" do fuso horario, tendo en conta que a hora oficial "afecta a todos e cada un dos habitantes do país, sen excepción". Por iso, apela a que, calquera cambio, aséntese sobre unha reflexión "pausada" por parte dos responsables do Goberno e "co mellor asesoramento posible".

E é que, fronte a quen pide o cambio argumentando que "beneficiaría" os modos de vida da sociedade, sitúanse os que advirten do perigo de tal medida: "alertan do caos e custo desa transición" e, sobre todo, de que dito cambio non produciría "ningunha mellora significativa" no estilo de vida español, que "non depende do fuso".

En todo caso, a perspectiva científica cobra especial relevancia nun escenario no que o tema do fuso horario está "de plena actualidade" e figurou nos programas electorais dalgúns partidos nas últimas eleccións estatais. De feito, Mira aludiu á iniciativa do PP ao redor do uso horario e o seu potencial cambio.

Documento remitido a Madrid

Así, a publicación está editada en galego e castelán para poder servir "como documento de traballo por parte dos poderes centrais ou outras comunidades". Este mércores presentouse a edición en castelán, que será remitida nestes días ao Goberno central e ás cámaras lexislativa. Posteriormente, tamén se remitirá a versión en galego aos poderes da Comunidade galega e aos seus órganos representativos.

A publicación aspira a facilitar a cidadáns e representantes que se poidan formar unha opinión "fundamentada" nun debate con eco público relevante. Mira, en todo caso, non esconde a súa postura contraria ao cambio. Entre outros argumentos, sinala que o fuso español "é correcto" e que a "estabilidade horaria" vai moi ligada á "estabilidade dun país". "Na Guerra Civil, os dous bandos cambiaron a hora varias veces", rememorou.

Na redacción do libro participaron o propio Jorge Mira, José María Fernández-Creuet, José María Martín Olalla e José Fernández-Albertos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 anonimo8052

El actual huso horario español es un disparate, ya que nos corresponde el de Reino Unido y Portugal: el meridiano de Greenwich pasa por las provincias de Huesca y Alicante. Proponer que Galicia tenga un huso horario diferente es otro disparate; y, lo peor, es pretender arreglar un disparate perpetrando otro disparate.

1 Merucu Xusticieru

Nostrus !!!! Haz algo, por lo que màs quieras: esto es una rebeliòn en toda regla !!!!