A peor crise da Unión Europea

Cumpríronse este sábado 60 anos da sinatura do Tratado fundacional da Comunidade Económica Europea, o precedente da actual UE. E, verdadeiramente, a Unión está a sofrir a peor das moitas crises polas que pasou ao longo deste tempo. Esta semana o Reino Unido pedirá formalmente a súa saída, mentres as eleccións francesas e xermanas paralisan calquera caste de decisión sobre o futuro da Unión.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 26/03/2017

Comparte esta noticia

Dende o Tratado da UE (1992) a unificación europea abandonou o pulo social e cooperativo dos pais fundadores, todos pertencentes ás tres ideoloxías da postguerra (socialdemócratas, democracia cristiá progresista e social liberais) que tentaron conciliar na Europa o mercado coa regulación das súas correccións en beneficio da mellor redistribución de rendas e igualdade de oportunidades.Dende  Maastricht, pola contra, a Unión ratifica a súa aposta por unha gobernanza oligárquica e moi pouco democrática. Alicérzase a unión monetaria sobre un euro demasiado aprezado para as economías do sur e sobre un Banco Central Europeo como Autoridade Monetaria con plenos poderes alleos a calquera control parlamentario.

Mentres, os Estados membros usan da súa capacidade de bloqueo e frean calquera tentamento serio para avanzarmos na coordinación fiscal, na unión bancaria e no afortalamento de políticas comúns exterior e de defensa. Das Institucións comúns (Comisión e Parlamento Europeo) saen continuamente propostas de máis e mellor Europa no social, no I+D, na descentralización territorial e no uso eficiente dos Fondos europeos, no control bancario, no artellamento do Orzamento da Unión Europea como instrumento de cohesión social e territorial…Mais o bloqueo dos Estados membros atrasa, cando non anula ou desnaturaliza estes esforzos, ademáis de presentar diante de cadansúas opinións públicas os problemas da convivencia europea (políticias austericidas, crise dos refuxiados) como problemas xurdidos da propia Europa.

O que si funcionou nesta Unión foi a comunidade de Dereito, os seus Tribunais. Foron éstes os que construiron un marco de protección para os consumidores non recoñecido até entón na lexislación hipotecaria e financeira española, sempre favorábel á Banca. Polo menos no concreto caso  do Estado español o Dereito europeo substituiu a parcialidade do Dereito español.

Esta crise europea vai obrigar decidir arre ou xo. O que non medra morre.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.