Por Galicia Confidencial | A Ramallosa | 31/03/2017 | Actualizada ás 10:23
Tropa Korriban, a tamén coñecida como Asociación Galega de Fans de Star Wars, invadirá este sábado o LibreTeo. Máis dunha ducia dos seus socios acudirán vestidos e caracterizados como os míticos personaxes, dispostos a que o público -nenos e non tan nenos- retrátanse canda eles. Ademais, haberá proxección de varias curtas realizadas por seareiros da saga de George Lucas.
Ademais, a ‘party’ informática no Auditorio Constante Liste da Ramallosa inclúe un completo programa de actividades lúdicas e educacionais.
Así, está programada a primeira Lan Party de Teo con 50 prazas durante 5 horas a partir das as nove. As inscricións para ela e para o resto de actividades pódese facer en liña.
A programación inclúe un obradoiro lúdico aberto pensado para os máis pequenos/as en horario de mañá e tarde e no que se abordarán temas relacionados coa tecnoloxía dende un punto de vista lúdico.
Electrónica básica para nenos/as, arduino dende cero, audio e poscasting, instagram ou a webserie recentemente premiada nos Mestre Mateo “Galicia Crime” son outras das temáticas dos obradoiros.
“Un evento cheo de actividades interesantes” destacan os organizadores, que contan co apoio do Concello de Teo, municipio que salienta que as actividades van dirixidas a todas as franxas de idade, nun esforzo por consolidar este evento como referencia do mundo do software libre e a informática no país.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.