A liberdade de expresión é prioritaria

Antes de que cuestionemos esta enxurrada de condenas na chamada “Audiencia Nacional” por delictos de expresión relacionados co terrorismo, compre precisar que o caso da cidadá Casandra non se refire a un acto de terrorismo no senso xurídico, senón a un acto violento contra o Presidente dun Goberno ilegal e ilexítimo, nado da subversión armada contra a orde constitucional republicana do 1936 e subseguinte guerra.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 03/04/2017

Comparte esta noticia
O terrorismo require no noso Dereito Penal dunha intencionalidade  de atentar contra a orde constitucional lexítima. E o réxime franquista non o era. Velaí que a amnistía de 1977 impida non só o castigo, senón a propia investigación xudicial a respecto desta caste de delictos violentos  anteriores ao 15 de decembro de 1976.
 
Mais, no terreo propio do que si son condutas que conteñen opinións a respecto de auténticos delictos de terrorismo (o que non inclúe o caso de Cassandra) compre aplicarmos o sentido común, que PP e PSOE perderon ao agravar a xa rigorosísima lexislación de Aznar no 2015, das resultas do pacto antiyihadista. É absurdo que no 2015 e 2016 o número de condenas sobarde en máis dun 600% ás do 2011, cando aínda actuaba a banda terrorista ETA. Máis da terceira parte dos recursos materiais deste Tribunal de excepción consúmese xa nesta caste de xuizos. Un despropósito.
 
Desenvolven estas actuacións  os Tribunais penais máis condicionados pola maioría pro PP do Consello do Poder Xudicial: a “Audiencia Nacional” que xulga dende Madrid vulnerando o dereito de todos ao xuiz ordinario do noso ámbito territorial e o Tribunal Supremo, que resolve os recursos contra as súas sentenzas. E enxergamos moitas veces dous xeitos de medir, porque non faltan os antigos dirixentes socialistas que xustifican en público o recurso ao GAL e nada se actuou contra deles. Tampouco contra un xornalista e un toureiro que dicían querer eliminar aos adheridos de Podemos. 
 
A convivencia democrática require que a liberdade de expresión sexa prevalente. Os fiscais e xuices da democracia non poden perder o seu tempo perseguindo e xulgando chíos propios de mal gosto ou propios de descerebrados na twitter. Compre eliminar xa do Código Penal as condutas que non supoñan un convite directo, real e inmediato á comisión do delicto. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.