Por Manuel Vilas | Madrid | 04/04/2017 | Actualizada ás 14:00
O banco tiña un acordo de leasing da aeronave co empresario coruñés. Ademais, cando mercou a nave en 2008, o BBVA asegurárase no contrato que Jove debería responder de calquera incidencia con Facenda, segundo El Confidencial. Por iso agora Jove enfróntase ao pago do referido imposto, defraudado no seu día.
Nunha sentencia ditada en marzo, o Supremo considera probado que o home de negocios galego tiña -a través de Inveravante- capacidade para explotar economicamente a nave e decisión preferente sobre as viaxes. Iso malia que a nave estivese formalmente operada por unha compañía área (TAG Aviaton).
Rafael Méndez no citado diario indica que son varios os millonarios e grandes empresas -como Acciona- do Estado que acumulan sentencias por defraudar o imposto de matriculación de aeronaves. Ademais de Jove (o ex-dono de Fadesa) está relacionado con Galicia Villar Mir, o ex-ministro dono de Ferroatlántica.
O truco legal para defraudar pasa polo feito de que as empresas de navegación aérea están exentas do imposto de matriculación, do 12% do valor do avión. É dicir, Iberia non ten que pagar por matricular as súas aeronaves, pero si un particular que queira gozar deste luxo.
Facenda detectou como se estaban poñendo avións a nome de compañías aéreas de voos privados, neste caso TAG Aviation, malia que o compraban en realidade eran outros, neste caso o BBVA por encargo de Jove. Por iso iniciou unha campaña de inspeccións cuxo periplo xudicial chegou a súa fin no referente a este Bombardier Learjet 60.
Trátase dun avión con capacidade para 14 persoas que custou máis de 37 millóns de euros. A Xustiza entende que o feito que o BBVA figurase como propietario, a empresa IIU como arrendatario e TAG como subarrendatario era unha estratexia para aforrarse o imposto.
O tema dos avións xa lle dera problemas legais a Jove. Cando se fixera co Bombardier en 2008, Inveravante tamén estivera negociando a compra doutra nave, un Falcon 7X coa compañía Montecarlo Aviation (MCA), situada nas Islas Vírgenes Británicas.
Jove apostou finalmente apostou por outra opción, o citado Bombardier, e MCA levouno aos tribunais para reclamarlle 22 millóns, chegando o asunto ao tamén Supremo. Nese caso outra sentencia do Supremo deulle finalmente deu a razón a Jove.
No xuízo polo Falcon 7X, unha letrada de Inveravante argumentara que os seus directivos viaxan con moita frecuencia a México, Canadá e a República Dominicana. GC contactou con Inveravante para dar a súa valoración da sentencia sobre o Bombardier, sen recibir resposta polo de agora.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.