ETA foi derrotada políticamente moito antes ca policialmente. Perdeu por milleiros cada ano o seu primitivo apoio social, aínda bastante importante a fins da década dos 80 do século pasado. E a súa deslexitimación social tería sido moito máis rápida de non ser pola actuación dos GAL. Un instrumento de terror creado, financiado, sostido e dirixido polo Goberno do Estado que rearmou parcial e provisionalmente aquel apoio social, desaparecido por sorte hai bastante tempo.
O cesamento indefinido do fogo en outubro do 2011 constatou unha ETA con reducida capacidade operativa, mais á banda ficáballe capacidade para facer dano uns meses ou mesmo uns anos máis. O adeus ás armas veu precedida dunha intensa negociación na que participaron o PSE, o ministro Rubalcaba (PSOE) e o PNV. Tamén (xusto é recoñécerllelo, malia ser canda mozo un seareiro da violencia) dunha moi activa campaña de Arnaldo Otegi para amosarlle ás bases abertzales a necesidade da paz.
Cumpre agora a definitiva disolución da banda para activar o 10º ponto do Pacto de Ajuria Enea, subscrito no 1988 por todas as forzas vascas (agás Herri Batasuna, precedente da actual Sortu). É dicir, para atopar as solucións xurídicas que resolvan o achegamento dos presos a Euskadi e a aplicación de beneficios penitenciarios que permitan pasar páxina.
Todo isto sen prexuizo de afondar nunha política de convivencia e reconciliación que atenda nomeadamente ás necesidades materiais e de inclusión social das vítimas do terrorismo (tamén, por certo, das vítimas do GRAPO ou do GAL). Mais tamén sen inventar novos e adicionais requisitos para activar os precisos mecanismos de política penitenciaria.
ETA foi derrotada políticamente e non ha server nunca máis como arma política arreboladiza.