Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/04/2017 | Actualizada ás 14:05
A asociación ecoloxista Arco Iris denunciou a localización dun "gran vertedoiro" de residuos sólidos nunha pista asfaltada sen saída situada no municipio coruñés de Culleredo.
Segundo informou a asociación este sábado, o achado foi trasladado ao Seprona para que a Garda Civil inicie a investigación da autoría deste vertedoiro, composto principalmente por residuos de obras e reformas de albanelaría.
Arco Iris xa denunciou hai un mes a localización doutro vertedoiro no termo municipal de Carral (A Coruña). Entre os cascallos deste vertedoiro atópanse varios documentos que poderían arroxar información sobre os responsables.
Así as cousas, os ecoloxistas volveron a reclamar a creación dun número de teléfono gratuíto para que a cidadanía poida denunciar "de forma rápida e anónima" estes vertedoiros clandestinos e outros "atentados contra o medio ambiente".
"É a Xunta de Galicia a que ten a obrigación de asumir este reto, de baixo custo pero enorme rendibilidade social que, sen dúbida, exercería un efecto disuasorio sobre quen carecen da máis mínima conciencia ambiental e usan o patrimonio natural colectivo como un vertedoiro particular", manifestou.
En relación a isto, Arco Iris lembrou que as máximas penas previstas no Código Penal por este tipo de delitos poden alcanzar ata os 30.000 euros de multa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.