#SilverBullet17 para aprender a xestionar un proxecto de programación

O vindeiro 11 de maio terá lugar na Cidade da Cultura #SilverBullet17, un Congreso de Xestión de Proxectos Software organizado polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática (CPETIG) e a Amtega co propósito de converterse nunha xornada de referencia no eido da xestión de proxectos. Os organizadores explican que está concibido como un foro de discusión e debate dirixido a empresas e profesionais vinculados á xestión de proxectos de software, expertos, investigadores e docentes implicados na formación de futuros profesionais nesta área.

Por GC Emprende | Santiago de Compostela | 18/04/2017 | Actualizada ás 18:54

Comparte esta noticia

#SilverBullet17 vai reunir a oferta e a demanda do sector nun espazo de encontro para propiciar un intercambio de información, favorecendo a adquisición de habilidades de comunicación, xestión de recursos humanos e liderado, amais de contribuír a amosar as tendencias metodolóxicas no eido da xestión de proxectos software.

Frederick Brooks
Frederick Brooks | Fonte: David Monniaux wikimedia

Intervirán como relatores algúns dos máis relevantes profesionais do panorama actual. Na sesión de mañá tomarán a palabra José Luis Iparraguirre, director de IAL Software Engineering; Carlos González Jardón, consultor de Xestión de Proxectos en Tecnocom; e Javier Garzás, mentor áxil e experto en xestión de proxectos e equipos; para rematar cunha mesa de debate moderada por Susana Gómez Carnero, CEO en Origami Soluciones e directora executiva de BNI Galicia. Os relatores previstos para a  sesión de tarde son Javier Cebreiros, socio do espazo de innovación social Impact Hub Vigo e da empresa InfoJC; e Jaume Gurt, director de Organización e Desenvolvemento de Persoas en Schibsted Spain, que xestiona os portais Infojobs, Fotocasa, Vibbo, Coches.net e MilAnuncios.

O nome do congreso #SilverBullet17 fai referencia a un coñecido antipatrón da área de xestión de proxectos, “a bala de prata”, mencionada inicialmente polo enxeñeiro de software Frederick P. Brooks en 1987 e que alude á inexistencia de metodoloxías, ferramentas ou solucións milagreiras que permitan que un proxecto que xa se converteu nun monstro polos retrasos, os custos, a calidade, etc. volva ser un proxecto ben xestionado, algo que unicamente se podería facer cunha bala de prata. 

Durante a sesión porase o foco nos tres factores que representan esa bala de prata: o traballo continuo desde o inicio do proxecto, a aplicación de metodoloxías adecuadas e o coñecemento sobre a xestión de proxectos.

Asistencia gratuita para colexiados/as e precolexiados/as

No marco da conmemoración do X aniversario do CPETIG, a asistencia a #SilverBullet17 será gratuita para colexiados/as e precolexiados/as. Para formalizar a súa participación, deberán realizar a súa inscrición na web e posteriormente a cota de asistencia seralles reembolsada, ben aplicando un desconto sobre as próximas cotas de colexiación ou por transferencia nos casos de precolexiados ou colexiados con exención de cota por desemprego. 

Empresas patrocinadoras

No desenvolvemento de #SilverBullet están implicadas como patrocinadoras e colaboradoras as empresas galegas Bahía Software, Balidea, Ednon, Hacce Conversion&Design e Plexus.

Máis información e formalización de inscricións en http://silverbullet.cpetig.org/gl/inicio/

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta