Macron será o presidente

O réxime constitucional francés é bastante singular, non é presidencialista nin parlamentario, senón unha mistura de ambos os dous. O Goberno e o seu primeiro ministro precisan a confianza tanto parlamentaria como a do Presidente da República. Esta dupla confianza marca o sistema: as eleccións presidenciais e parlamentarias fanse a dúas voltas, por cadanseus cinco anos e consecutivos temporalmente (as parlamentarias serán en xuño).

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 24/04/2017

Comparte esta noticia
No primeiro round pasaron moi igualados a peneira Emmanuel Macron ( centro-esquerda independente ) e Marine Le Pen (Front National, neofascista), a rentes de cadanseu 23% de votos.  François Fillon (dereita conservadora gaullista;  a rentes do 19,5%) e Benoît Hamon  (Partido Socialista; 6,5%) , candidatos das dúas principais correntes políticas da V República ficaron fóra, porqué ningún dos dous candidatos, vencedores de cadansúas primarias, foron quen de integrar a pluralidade de cadanseu partidos nin aos precandidatos perdedores nas primarias. De feito o antigo primeiro ministro socialista, Valls, apoiou Macron desta volta.
 
O resultado é nomeadamente esmagante para o PS. O seu electorado, os millóns que votaron polo presidente François Hollande no 2012, liscou cara á plataforma independente En Marche de Macron (que non existía até hai seis meses) e cara á plataforma de esquerdas do antigo ministro socialista Jean-Luc Mélenchon, que quitou preto do 18% de votos e que foi, canda Macron, a sorpresa desta campaña, pois que dende hai meses ficou claro que Marine Le Pen pasaba o curte.
 
Fillon, Hamon e o secretario xeral dos comunistas pediron xa o voto para Macron, canda o actual primeiro ministro. Mélenchon non se ten pronunciado, pois que La France insoumise acordou decidir a súa escolla dende as bases. Non semella moi probábel que este voto migre cara Le Pen, mais si cara á abstención.
 
Velaí que Macron conte con recursos abondo para gañar a segunda volta e acadar a Presidencia. Afastando o perigo dun french exit. Mais fican moitas dúbidas. En primeiro lugar se Macon obterá nas eleccións parlamentarias de xuño un grupo parlamentario potente de seu ou terá que cohabitar coa dereita gaullista e a esquerda insubmisa-. En segundo lugar, se haberá reflexión na centralidade sistémica arredor da fonda desafección de millóns a respecto da Francia e da Europa de hoxendía.
 
A arrincadeira A FN de Marine Le Pen acada moitos menos votos en Bretaña e Iparralde
 
O neofascista FN foi moito menos votado en territorios con personalidade nacional de seu, como Bretaña ou  Iparralde (Euskadi Norte). Semella que as forzas territoriais ou nacionais achegan un importante sentido da centralidade política. A excepción,porén, foi a illa de Córsica, onde Le Pen foi o máis votado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.