As nosas vaguedades

Será quizais pola “profesión de fe” que Feijoo fixo ó inicio da súa intervención na que se cualificou como “patriota galego”, será porque para falar dúas horas hai que ter, alomenos, unha ducia de cousas interesantes que dicir – e Feijoo non as ten - , será porque a forza de repetir e prometer “Plan tras Plan” é moi difícil acreditar algo de credibilidade..

Por Mar Barcón | A Coruña | 16/03/2010

Comparte esta noticia

Polo que sexa, o discurso desta mañá do Presidente da Xunta amosouse baleiro de contido, farragoso e pesado na súa extensión e inconexo en boa parte do mesmo.

O certo é que as persoas que seguimos en directo a súa intervención tivemos a impresión de estar, de novo, diante dun discurso de investidura; un ano despois, Feijoo repetiu as ofertas e propostas de planes diversos – incluído o famoso Plan de Choque nunca coñecido – que xa fixera aquel 14 de abril. Sectores estratéxicos, emprego xuvenil, familias, I+D+i.. Un por un repetiu de novo o cansino discurso de anunciar medidas inconexas e pouco concretas, sen ningún obxectivo certo e sen ningunha prioridade. Foi, como dixo Pachi Vázquez, un discurso de “café para todos”.

Esta mañá Núñez Feijoo tiña a oportunidade de elexir as prioridades do seu Goberno. Tiña a oportunidade de explicar as súas propostas políticas para mellorar o emprego, para incrementar o creto para as empresas, para apostar pola innovación.. En definitiva poderíamos ter coñecido cales eran os obxectivos anuais do Goberno da Xunta, nun momento no que os galegos e galegas precisan respostas e solucións e non palabras baleiras. Non foi así. O Presidente decidiu o camiño da enumeración exhaustiva para evitar falar das cuestións máis importantes e urxentes.

Hoxe constatamos o que os socialistas vimos dicindo dende que o PP chegou de novo ó poder: estamos diante dunha lexislatura perdida. Este ano foi un ano en balde, sen resultados, sen planificación, sen licitación pública, sen avances en política económica.. e moito nos tememos, polo escoitado na Cámara que os anos que nos quedan será un tempo perdido. Feijoo marea os datos, envolve as cifras pero non da as verdadeiras: nin de emprego, nin de actividade empresarial, nin de prazas de escolas infantís, nin de listas de espera… O seu relato non é coherente, pero o que é peor.. non é real. A primeira hora, cando iniciaba a súa intervención esta mañá, Feijoo afirmou que a vitoria electoral do 1 de marzo xustifica todas as súas decisións e que como gañaron as eleccións teñen dereito a gobernar “para esa maioría”. Equivócase o Presidente. A vitoria non xustifica que levara o país ó enfrontamento pola lingua, polas Caixas, pola reforma da administración.. non xustifica que no día do Debate da Autonomía olvide que a súa prioridade debe ser a política económica e de emprego.
Feijoo olvida a historia e confunde a lexitimidade dunha vitoria electoral coa responsabilidade que ten a persoa que se senta en Monte Pío a dirixir e liderar Galicia. Feijoo olvida as leccións que da a Historia. En 1972 Nixon converteuse no Presidente de USA máis votado da democracia americana. Dous anos despois tivo que dimitir polos escándalos do Watergate. As vitorias non son cheques en branco, as vitorias son unha decisión soberana dun pobo nun momento determinado que, en todo caso, esixe de quen gaña asumir a responsabilidade de gobernar con xenerosidade, con intelixencia e dende o consenso. Feijoo debería empezar a telo en conta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA