Por E.P. | VIGO | 02/05/2017 | Actualizada ás 14:51
CC.OO. denunciou que o Sergas planea pechar unhas 200 camas este verán nos hospitais de Vigo, o que, dixo, suporá incrementar as listas de espera e unha mingua na contratación de persoal; aínda que o Sergas precisou que as camas non se pechan senón que "se inhabilitan" en previsión da redución da actividade asistencial, e pódense abrir en función da demanda.
O sindicato remarcou que o peche de camas prodúcese nunha área que xa rexistra "as maiores" listas de espera de Galicia, e concretou que a mingua nas contratacións afecta "especialmente" á categoría de celador. A iso, sinalou que se engade "o abuso da contratación por días soltos en moitos casos que correspondería facer contratos de máis duración".
Ante todas estas cuestións, CC.OO. esixiu a apertura de todas as camas, a posta en marcha dun plan de choque para reducir as listas de espera, e a implantación dunha política de contratación "acorde coas dimensións e as necesidades de persoal" da área de Vigo.
En declaracións a Europa Press, fontes do Sergas remarcaron que inhabilitar camas "é unha medida de xestión habitual todos os anos en todos os hospitais do mundo", o que se realiza de acordo cunha planificación a partir da previsión de redución da actividade que hai na época estival.
Ademais, explicou que durante este período "aprovéitase para facer pequenas obras de mantemento" e dáse vacacións ao persoal. En todo caso, insistiu en que esta "inhabilitación sempre se supedita ás necesidades asistenciais": "Se a demanda determina que necesitamos mais camas, as camas están aí, ábrense".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.