A necesidade do referéndum catalán

A primeiros deste 2017 o xornal “La Vanguardia”, de liña editorial non independentista, publicaba unha enquisa que reflectía que o 76,6% dos cataláns querían decidir en referéndum a respecto da súa independencia ou continuidade no Estado, mentres as opcións a prol sobardaban en moi pouco ás negativas. Estes dados serían impensábeis hai once anos, cando se aprobaba pola cidadanía catalá o novo Estatuto.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 14/05/2017

Comparte esta noticia
O fito máis importante na modificación das actitudes a respecto da independencia foi a sentenza do Tribunal Constitucional de xuño de 2010, que, estimando o recurso do PP, declarou na práctica a inconstitucionalidade de case todos os avances en autogoberno contidos nese “nou Estatut”, malia que xa fora aprobado en referéndum e levaba plenamente vixente máis de catro anos. A labazada moveu centos de milleiros autonomistas e federalistas cara á opción independentista, ao considerar imposíbel un autogoberno digno de tal nome no seo do Estado español.
 
Hai un problema moi grave e os partidos unionistas non o asumen. Mais o problema só non se resolve, lonxe diso encónase, porque xera desafección cidadá en Catalunya, máis tamèn unha enxurrada de anticatalanismo en Madrid e outros territorios españois.
 
Velaí que a única solución sería un pacto para poder levar adiante un referéndum. Pacto alicerzado no compromiso de que se respecte o decidido polos cataláns e que, no caso de sair o voto negativo non se repita esta consulta nun termo aproximado de dez ou quince anos, na liña da Lei de Clareza canadiana. A fórmula xurídica podería pasar por un referéndum consultivo, consonte co artigo 92 da Constitución, delegando o Estado ao abeiro do artigo 150.2 da Constitución na Generalitat a competencia para convocalo. O mandato catalán requiriría dunha ulterior reforma constitucional, de ser afirmativo. Unha reforma que habería pactarse previamente.
 
A historia europea recente amósanos que non se pode negar pacificamente o dereito a decidir. Eslovaquia, Chequia, Eslovenia, as tres repúblicas bálticas ou Irlanda son Estados membros da UE que non existían hai cen anos e moitas veces separáronse de Estados cos que seguen a partillar a Unión. As realidades mudan e o Dereito está para regular a convivencia. A convivencia,  que ha ser aceptada e non imposta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.