Por Galicia Confidencial | Compostela | 18/05/2017 | Actualizada ás 17:26
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tentou este xoves minimizar os novos casos de corrupción que afectan ao Partido Popular, concretamente, á súa homóloga na Comunidade de Madrid, Cristina Cifuentes, tras a filtración de informes da Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil que pedían investigala na trama 'Púnica'.
Así, advertiu que "o mesmo xuíz que meteu no cárcere a determinadas persoas" no marco da Púnica é o que afirma "que non hai sombra de dúbida" sobre a actuación da presidenta da Comunidade de Madrid. Por tanto, subliñou que, se se cre que o xuíz "foi independente cando meteu no cárcere a determinados dirixentes e responsables empresariais", tamén hai que "ser respectuosos coa súa decisión cando non ve "sombra de dúbida" en relación a Cifuentes.
“Se o xuíz que coñece o caso non ve sombra de dúbida, eu non o discuto”, dixo ao ser preguntado na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. "Eu creo que calquera demócrata que crea en Xustiza, con todas as imperfeccións e dificultades que ten sempre acertar desde un punto de vista xudicial, non debe facer xuízos paralelos nin debe admitir sentencias partidistas afecten a quen afecten", recalcou o presidente.
Filtración
Preguntado pola filtración, asegurou que "queda" co manifestado por "o que coñece o sumario e dixo que non hai sombra de dúbida" sobre a actuación da súa compañeira de partido, á que apoiou.
"Se é lume amigo ou non?... Moi amigo non pode ser, pero o que fabrica mentiras ao final sempre queda ao descuberto pola verdade. Amigo... se vostede o considera amigo... moi amigo non pode ser. Probablemente sexa un mentireiro, non un amigo", resolveu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.