De cando botaron a Casares das escolas galegas

O Concello de Viana do Bolo aproba en pleno repudiar a expulsión de Carlos Casares desta vila e restituír a súa memoria. O escritor, daquela profesor, foi inxustamente represariado coa excusa dunha obra de teatro por tentar espallar o ensino entre os máis pobres.

Por X.M. Fernández | Viana do Bolo | 19/05/2017 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

A vinculación de Carlos Casares con Viana do Bolo provén do ano 1969 que é cando foi nomeado profesor no Instituto de Viana. Nese ano descubriu a realidade de Viana do Bolo, coñeceu de primeira man a opresión existente por parte das autoridades. Naquel momento o sanguinario ditador Francisco Franco e os seus representantes reaccionaban actuando con maior represión ante un posíbel e próximo cambio, impulsado polos desexos democráticos da sociedade.

Carlos Casares
Carlos Casares

A desconfianza cara a Carlos Casares comezou no mesmo momento de chegar a Viana do Bolo e a autoridade municipal non deixou escapar a ocasión de expulsalo de Viana na primeira ocasión que se lle presentou.

O seu labor no, daquela, “Colexio Libre Adoptado St. Tomás de Aquino”, foi comprometido dende o primeiro día coa ensinanza e coas inxustizas que sufrían os mais desfavorecidos. A equipa directiva tentaba estender a educación á maioría das familias vianesas; en contra da opinión do alcalde do concello. Lembrar que o instituto dependía naquel momento do concello de Viana do Bolo.

A ocasión para expulsalo de Viana do Bolo chegou na festividade de Santo Tomás de Aquino. Co gallo desta festividade, representouse unha obra de teatro á que foron invitadas as familias e as autoridades da vila. Nesta obra facíase referencia a “caciques” e “señores feudales” do S. XX. A obra foi tachada de “subversiva”. Como explica o seu autor, o profesor Manuel Ramos Castromil, falsamente intentaron atribuírlle a súa autoría a Carlos Casares mediante presións, as cales este se negou a ceder. Nunha acción totalmente inxusta cun marcado carácter de represalia política finalmente lograron que Carlos Casares fose inxustamente castigado e cesado como profesor desta localidade. Este cese e “expulsión” implicou que lle fora prohibido impartir docencia en toda Galiza; tendo que coller as maletas e ir impartir clases a Bilbao.

Conscientes destes feitos, en febreiro de 2004, ao cumprirse o 35 aniversario da actividade docente de Carlos Casares en Viana do Bolo, o Claustro e o Consello Escolar do Instituto acordaron por unanimidade poñer o seu nome ao Centro.

Pleno en Viana do Bolo
Pleno en Viana do Bolo

Pasados 47 anos dos feitos, 15 anos dende a súa prematura morte, e aproveitando o seu recoñecemento dedicándolle as Letras Galegas 2017, Secundino Fernández, alcalde desta localidade, entende que é de xustiza lembrar eses lamentábeis feitos e por iso propuxo no pleno realizar un acto de “desagravio” á figura de Carlos Casares.

A proposta á Corporación Municipal que se aprobou comprende:

1.- Repudiar publicamente as accións que lamentablemente conduciron á expulsión desta vila de Carlos Casares.

2.- Restituír a súa memoria no tocante a estes feitos que non expresaron nin expresan o sentir das veciñas e veciños de Viana do Bolo.

3.- Facer pública homenaxe e agradecer a súa contribución a educación da mocidade do noso Concello.

4.- Trasladar dito acordo a Fundación Carlos Casares como principal valedor da promoción, estudo e difusión da súa obra e do seu legado.

No pleno estivo presente Xavier Casares, presidente da devandita fundación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Buffito

Por ser breve: non me creo nada. Demasiada paixón e estridencias para darlle visos de verdade, e non caín dun guindo. Casares obtivo praza de profesor no 1974 en Cangas, e aí si que foi obxecto dun expediente disciplinario ¿Expulsión de Viana? ¿De verdade? A ver o expediente instruido para desterralo... Veña oh, veña.

1 xesc

Actos coma estes honran a cultura.