Loitarmos contra o Yihadismo

Outravolta ficamos conmovidos diante da última expresión do odio yihadista: o recente atentado de Manchester, co seu elevado tributo de vidas humanas. Unha vez máis os terroristas elixen matar durante manifestacións colectivas de lecer público, tan propias da maneira de vivir na nosa Europa. Os asasinos non só queren facer todo o dano que poidan, senón que tentan que renunciemos ao noso xeito de vida.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 28/05/2017

Comparte esta noticia
Será difícil loitarmos contra o yihadismo senón entendemos as súas orixes e desenvolvemento. Como ven de dicir o líder laborista británico, Jeremy Corbyn, moitos dos profesionais dos servizos británicos de seguranza e intelixencia recoñecen que a política exterior británica do próximo pasado ten potenciado a ameaza yihadista, coas súas intervencións armadas (comezando pola invasión de Iraq no 2004) . Sen que este coñecemento, como afirma o propio Corbyn supoña reduzir un chisco nin a culpabilidade terrorista nin a necesidade de loitar contra o yihadismo con todas as armas que poida usar unha democracia.
 
O mes pasado as forzas da  coalición antiyihadista causaron a morte a 244 civís non combatentes, moitos deles crianzas. Temos que entender que a dor causada polos nosos dirixentes políticos vólvese seguido contra nós. Deste xeito, comprenderemos mellor o fenómeno do yihadismo para combatelo cando saibamos relacionar as intervencións militares occidentais (moitas veces dirixidas a controlar a produción de petróleo) co incremento substancial do terrorismo yihadista.
 
Mais esta necesidade de matinar (e actuar) a respecto da intervención occidental no Oriente Próximo e Norte de África non prexudica a necesidade de adoptarmos medidas eficaces e coordinadas, comezando pola coordinación europea das súas policías e servizos de intelixencia. Cómpre construir dende a Europol un auténtico F.B.I. europeo que coordine a vixiancia e información arredor dos yihadistas e, sobre todo, do seu labor de proselitismo e posibilite que a resposta contra o terrorismo sexa continental. Ao mesmo tempo, os británicos haberían entender que o Brexit reducirá a súa seguranza, para poder adoptar coa UE os mecanismos de cooperación policial e de intelixencia precisos para que o terrorismo reciba unha resposta unitaria ás dúas beiras da Canle.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.