Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/06/2017 | Actualizada ás 15:26
A deputada de En Marea no Congreso e ata este sábado coordinadora de Esquerda Unida (EU), Yolanda Díaz, asegurou que "a cidadanía cre que o cambio político é diverso, plural e versátil". "Isto que quere dicir? Pois que quere a Alberto Garzón, a Eva Solla. Quere a persoas de Anova, a persoas de Podemos, a persoas sen entidade partidaria: quérenos colectivamente", argumentou.
E é que Díaz cre que este é "o éxito dos camiños": "O resto son fórmulas, quizais excluíntes, que non axudan a sumar, senón todo o contrario: quizais a retroceder", razoou, en clara alusión á actual coordinadora de En Marea, encabezada por Luís Villares.
"A nosa fórmula é a colectividade e a pluralidade, esa cousa marabillosa de mesmo facer intervencións nas que, ás veces, dicimos cousas diferentes, pero que son complementarias e que son necesarias para o cambio social", explicou a ferrolá, xusto antes de facer fincapé en que EU representa "un imaxinario existente", do mesmo xeito que "Anova, Podemos e moitas persoas que non teñen alma partidaria". "Temos que construír colectivamente", defendeu.
Preguntada directamente sobre se se sente decepcionada coa maneira na que a actual coordinadora de En Marea está a pilotar o espazo de confluencia, asegurou que non. "Non, en absoluto. Estamos nun laboratorio de ensaios, e veremos se damos coa fórmula", subliñou, para logo indicar que están "en construción en todos os sitios" e que, por tanto, "non hai nada pechado".
"Mentres, construímos camiñamos e avanzamos e, sobre todo, achegamos saídas para a cidadanía. O máis relevante é falar de fóra e non de dentro", resolveu.
FORO GALEGO APOIA A VILLARES
Pola súa banda, o alcalde de Vimianzo e membro do Foro Galego, Manuel Antelo, defendeu este sábado a actual coordinadora de En Marea, encabezada por Luís Villares: "Unha dirección política inequívoca e lexitimada democraticamente".
"O resto das cousas interfere, distorsiona e desvirtúa o proxecto", asegurou Antelo, en alusión ás críticas á actual dirección de En Marea.
"Hai unhas decisións adoptadas nos diferentes plenarios de En Marea, concretamente no plenario de Vigo, de construír un partido político nacional galego cunha dirección forte e unha territorialización, e niso hai que traballar", defendeu, xusto antes de volver facer fincapé na "lexitimidade democrática" da coordinadora.
Así as cousas, entende que "non se deben cuestionar as lexitimidades democráticas, sexan como sexan os resultados". "O mesmo que ao portavoz", apostilou respecto diso, xusto antes de engadir que "é necesario ter estes órganos" porque un proxecto como En Marea "ten que buscar a fórmula de transmitir mellor as súas ideas". Por iso, o Foro Galego aposta por "darlle continuidade ás decisións adoptadas".
PIDE LEALDADE A DÍAZ
Cuestionado polas declaracións de Yolanda Díaz sobre a coordinadora de En Marea, Antelo fixo fincapé en que "os representantes de En Marea deben ser leais ao proxecto [...], e despois as súas opinións particulares débenas facer nos órganos de En Marea e concretalas".
"As opinións xeneralizadas non son útiles. Cando se manifestan opinións e ademais non se argumentan son inútiles", dixo Antelo, quen considera que Yolanda Díaz ten "un papel moi importante como responsable de En Marea no Congreso". "Creo que fai un traballo moi bo e, nese sentido, é no que ten que contribuír ao traballo de En Marea", opinou.
"Loxicamente, dando os debates que estime oportunos, pero nos ámbitos nos que os hai que dar", matizou, para logo engadir que "non pode ser que un representante trate de dividir entre bos e malos". "Eu creo que esas experiencias son moi negativas e aquí todos somos bos, sempre que teñamos intención de compartir e colaborar", resolveu.
En concreto, Antelo realizou estas declaracións na terceira asemblea do Foro Galego, cuxo obxectivo é "contribuír" á "consolidación" de En Marea como un "amplo partido movemento" baseado na "democracia, a participación individual e o pluralismo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.