Artistas, toreros y otros

Hai escasos días nun congreso de especialistas en xestión do Patrimonio Cultural en Vigo reivindicouse o chamado Patrimonio Flotante, unha faciana máis do alcumado Patrimonio Marítimo. Ben pensado, eu creo que todo o Patrimonio galego é un inmenso patrimonio flotante, que escoa á deriva polas marxes da Modernidade.

Por Xurxo Ayán | Santiago | 04/06/2010

Comparte esta noticia

Os foráneos pregúntanse a cotío como as comunidades labregas e mariñeiras que ergueron a arquitectura tradicional das nosas aldeas foron as mesmas que dende a década de 1960 deseñaron esa arquitectura de Mad Max que sobrancea na paisaxe do noso país. Podemos explicar este estrano fenómeno pola persistencia dunha prática de aculturación que se pode retrotraer á romanización: referímonos á emulación, esa imitación pretenciosa. Analisemos o proceso a escala microespacial. En Cerasia o ladrillo (tixolo en normativo) introduciuse contra a fin da década de 1940. O meu avó, canteiro, antes de marchar a Barcelona en 1955, deixou a impronta da nova moda, cos ladrillos cinguindo portas e fiestras, substituíndo á madeira nos mainelos.

Despois chegaría o cemento e a uralita que remataron coa arquitectura vernácula a base de coios de cuarcita e lousa nos tellados. A emigración ás cidades españolas e europeas conlevou a aparición de novos comedores, de imposibles baños empotrados, emulando a moderna urbanidade nun rexeitamento tácito dos valores rurais. A comezos do século XXI en Cerasia, deulle a un indiano por recuperar a vella técnica tradicional de coio e barro. O efecto dominó levou á unha redescuberta enxebre das casas antigas por parte dos desertores do arado e, pola súa vez, á aparición de novos comedores rústicos con cheminea francesa e apeiros e trebellos agrarios pendurados das paredes. Familias que tiñan vacas até hai cinco anos, recrean agora escenografías que materializan e idealizan o seu pasado labrego. Con todo, este proceso de emulación non agocha a crenza cega galega no progreso, plasmada na máquina en movemento, na destrucción de grandes superficies, na apertura de espazos diáfanos, na sementeira de cemento, chapapote e pez. En Galicia non se pode ser arqueólogo sen ter en conta esta vertente do ethnos galaico.

En tódalas escavacións arqueolóxicas nas que teño estado, sempre xurden os comentarios do estilo: ¡aquí unha pala viña como Dios! ¡Estades fodendo o monte! ¡O Concello soterra os cartos con esta merda da Agrología! ¡O que hai que facer é unha pista asfaltada que cruce o castro! O galego de a pé ve nas pedras de antes un estorbo para que a parroquia vaia para adiante. En Cerasia destruíuse unha carballeira centenaria no campo da festa para cementar o chao e protexelo cunha cuberta de cemento coma unha nave de mercado gandeiro. Os políticos recollen esta filosofía e aplícana sen complexos. Nunca esquencerei o caso dun alcalde das Rías Baixas que me presentou nun acto cultural na Casa da Cultura desta guisa: e este é un arqueólogo, ou sexa, unha destas moscas cojoneras que nos paralizan as obras (sic). Eu limiteime a contestar que o único que facía era contribuír a cumpli-la Lei, algo que deberían de facer todos os alcaldes. O fulano hoxendía está imputado por varios delictos urbanísticos. Esta mesma fin de semana, paseando polo Raval barcelonés, ao carón do valado dunha obra, puiden escoitar a típica conversa entre obreiros: ¡para para..! ¿y esa piedra? Dále caña que si no viene el Indiana Jones y nos jode.

Como todo o mundo sabe, os arqueólogos paralizamos as obras. Loxicamente non imos confrontar esta vox populi aducindo argumentos gremialistas e corporativistas infames, porque os arqueólogos e arqueólogas deste país somos os primeiros responsables de que o Patrimonio non se vexa como un referente identitario e un recurso para o desenvolvemento. Así e todo, o que é denunciable é a asunción desa filosofía polos medios de comunicación que semellan converterse en outavoces de intereses empresariais e políticos. Referímonos ao tratamento xornalístico que se fai dos achados arqueolóxicos en contextos de obra: ultimamente abondan os titulares do estilo ¡La Arqueología paraliza la obra x, o proxecto só esta pendente do permiso de Patrimonio, restos arqueolóxicos retrasan a necesaria e ineludible obra x, a Arqueoloxía encarece o proxecto (cando a partida para traballo arqueolóxico non chega ao 0.001 do presuposto total). 

A xeralización deste enfoque crea opinión, consolida a concepción despectiva dunha grande parte da poboación cara ao patrimonio arqueolóxico e fundamenta a actuación delictiva de alcaldes desaprensivos coma ese alcalde que chimpa uns petróglifos porque unhas pedras de nada non poden retrasar o progreso do concello. Non resulta doado transformar toda esta ideoloxía, unha maneira de pensar que sanciona unha determinada concepción social do valor real da Arqueoloxía. Para moita xente, o único que paga a pena dunha escavación arqueolóxica é a terra da escombreira, moi boa para plantar Os arqueólogos valemos o que valemos, por deméritos propios e por este contexto no que a Arqueoloxía non se ve como algo práctico nin necesario para a comunidade. Un reputado arqueólogo andaluz decidiu facerse un plan de pensións nunha caixa local; cando respostou que era arqueólogo, o empregado buscou no listado da base de datos e non atopou unha categoría laboral con ese nome. Sen mediar palabra, premeu un click e encasillou ao arqueológo no apartado de Artistas, toreros y otros. Ese click marca o abismo existente hoxendía entre a Arqueoloxía e o presente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA