Por Galicia Confidencial | A Coruña | 09/06/2017 | Actualizada ás 18:18
Os desastres naturais xeran máis cohesión social ou pola contra suscitan comportamentos máis competitivos e egoístas na poboación? A esta pregunta dá resposta un equipo internacional de investigadores que analizou a resposta social aos terremotos en Chile. "Atopamos que a exposición aos terremotos ten un efecto positivo en varios indicadores de cohesión social. A cohesión social aumenta despois dun gran terremoto e erosiónase lentamente en períodos onde as condicións ambientais son menos adversas", conclúen os autores deste estudo, cofinanciado pola Xunta de Galicia e no que participou o profesor Aitor Calo Blanco, do Departamento de Economía da Universidade da Coruña.
Os autores da investigación partiron da premisa de que "a cohesión social pode ser crucial para o desenvolvemento cultural e económico dunha sociedade", xa que "reduce os custos de transacción de traballar xuntos e, por tanto, facilita a cooperación". Porén, "hai pouco acordo sobre por que algúns países ou rexións teñen niveis aparentemente máis altos de cohesión social ca outros", sinalan.
Os investigadores lembran a idea estendida no mundo do ecoloxismo de que "as condicións ambientais máis severas levan ás persoas a ser máis cooperativas". Con todo, recoñecen que "as condicións ambientais máis duras poderían conducir a unha maior competencia polos escasos recursos, a máis conflitos e, como consecuencia, a menos cohesión social". A comprensión de que efecto prevalece recoñecen que é "difícil". Neste traballo tentaron atopar unha resposta, presentando "evidencias" sobre un caso no que "as condicións ambientais máis duras levaron a unha maior cohesión social, medida por unha variedade de indicadores".
O estudo explora a variación rexional e temporal na exposición a terremotos en 15 rexións e 346 comunas en Chile. "A través de varios indicadores diferentes, atopamos que a cohesión social é maior nas rexións máis afectadas", din.
En concreto, comprobaron que "as persoas nas rexións máis afectadas dan máis á caridade, son máis propensas a participar no voluntariado e en eleccións, son menos proclives a participar no crime e parecen estar máis satisfeitas coas súas vidas". Porén, estas tendencias "erosiónanse co tempo", explican os autores.
O estudo vén a demostrar, polo tanto, que "ademais das consecuencias económicas significativas e ben estudadas dos desastres naturais, tamén hai un impacto substancial na cohesión social, que pode ir moito máis alá das respostas a curto prazo".
Así, observouse que "as persoas parecen compensar as peores condicións ambientais ao ser máis cooperativas" e, "combinada coa tecnoloxía e as institucións axeitadas, a cohesión social pode conducir a ganancias de eficiencia na produción que poderían ser parte da explicación de por que os desastres naturais ás veces conducen a mellores resultados económicos", argúen os responsables do traballo.
Continuando na súa argumentación en base aos datos obtidos, tamén salientan que se ben "os efectos económicos directos operan máis a curto prazo", advírtese "unha mellora da cohesión social que tende a durar máis tempo e posiblemente crea efectos económicos indirectos positivos". Isto é: "Os desastres poden causar efectos económicos negativos a curto prazo pero efectos positivos a longo prazo", aseveran.
Polo tanto, estes resultados "apoian a hipótese ambientalista de que as condicións ambientais dan forma á organización social", conclúese neste estudo, asinado por Aitor Calo Blanco (Universidade da Coruña), Jaromír Kovářík, Friederike Mengel e José Gabriel Romero. O traballo publícase en PLOS One co título 'Natural disasters and indicators of social cohesion'.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.