No canto disto, que o Estado active o axuizamento e condena do anterior Presidente da Generalitat e de dous dos seus antigos conselleiros, que o Tribunal de Contas lles reclame máis de 5M€ ou que a Garda Civil impute altos cargos da Generalitat no decurso dun procedemento penal declarado secreto (como se investigasen unha perigosa banda internacional de delincuentes) vese por moitos destes opinadores como a demostración dun funcionamento normal do Estado de Dereito, Mais todos sabemos que o Goberno do Estado manexa a Fiscalía e que a súa independencia a respecto do “procès” catalán custoulles o posto a un Fiscal Xeral e a un Fiscal Superior de Catalunya. Velaí a manifestación do anterior Ministro do Interior conspirando co antigo Director da Oficina anti fraude de Catalunya: “la fiscalía te lo afina”, referíndose á preparación de dossiers mediáticos e ulteriores denuncias xudiciais sobre feitos falsos, como a imputación a respecto de Xavier Trías, anterior alcalde de Barcelona da titularidade dunha conta en Suiza cun saldo máximo de 12’9 M€.
O procès chegou a un ponto de non retorno. É un movemento social transversal, que vai dende a dereita até a extrema esquerda e que mesmo avanza entre os comúns de Ada Colau. Conta con maioría absoluta no Parlament e recibiu da metade do electorado un mandato moi concreto no senso de avanzar cara á soberanía de Catalunya. Para máis, conta cun Presidente e cun Goberno convencidos para avanzar e non recuar. Cumprirán algo máis ca denuncias penais para poder frear este proceso.
Claro é que fóra do Estado español o ambiente é distinto. Porque son moitos os que non entenden porque o Goberno do Estado non quere que os cataláns votan. E case ninguén entenderá a persecución penal española contra moitos políticos e patriotas cataláns só por facer posíbel que o pobo fale.