Por Carlos Vázquez Padín | Tui | 07/10/2010
Evidentemente para a consecución deste obxectivo foi bastante o que tivemos que traballar, desde hai un ano e medio, para darnos a coñecer dentro da familia da democracia liberal europea, hai que dicir en honor á verdade, que para un movemento político e ideolóxico que naceu o ano pasado, como o noso, supuxo un gran esforzo económico e de tempo.
Gustariame agradecer publicamente o traballo do Presidente da GALIDEM, Fernando del Rio e do seu Vicepresidente, Eduardo Gimenez, estes dous académicos da área económica, das Universidades de Santiado e Vigo respectivamente e o seu equipo multidisciplinar están moi ilusionados coas posibilidades que a pertenza ao ELF abren en beneficio do País cumprindo o seu obxectivo de analisar e propor solucións aos diversos retos que confronta a sociedade galega actual, desde unha perspectiva liberal e galeguista.
O ELF está cofinanciado polo grupo ALDE, o grupo parlamentario da democracia liberal europea no Parlamento da UE, é o terceiro grupo político en importancia dentro desa cámara, contando neste momento con perto dos cen eurodeputados. No sucesivo será posible para a GALIDEM poder acceder para a realización de consultas con aplicación en estudio de políticas públicas aos eurodeputados dese grupo, tamén poderemos traer a algún deles a dar conferencias ou asistir a eventos.
A GALIDEM convírtese no primeiro Laboratorio de Ideas ou Think Tank, como lle chaman os británicos, da historia de Galicia que logra homologarse a nivel internacional dentro dunha determinada familia ideolóxica. O ELF agrupa a trinta e tantas fundacións ou asociacións de toda Europa, sendo a GALIDEM a segunda cuxo ámbito é o dun territorio sen estado propio, despois da Fundació catalanista e demócrata Trias Fargas, que está na órbita de Convergència Democrática de Catalunya (CDC), partido maioritario dentro da federacion CiU, que con bastante probabilidade, e debo dicir, que baixo o meu punto de vista, afortunadamente, recuperará o goberno da Generalitat en Cataluña nunhas semanas.
Para a entrada da GALIDEM foi preciso o apoio explícito de duas organizacións das que estaban xa no ELF, quero agradecer publicamente o papel crucial que Miguel Cunha Duarte, lider do portugués Movimento Liberal Social, xogou como cicerone noso no ELF sempre orientándonos e apoiandonos, consciente tamén da necesidade de reforzar un eixo galego-portugués do liberalismo. O segundo apoio confirmounolo Marc Guerrero, vicepresidente do Partido Democráta Liberal Europeo e membro da executiva nacional de CDC, tratabase do apoio da Trías Fargas, non se lle oculta a ninguén que é unha enorme satisfacción ter sido merecentes deste segundo apoio.
Ademais de con cataláns e portugueses, entre outros moitos, teremos oportunidades de compartir debates con Think Tanks de referencia a escala continental como a Friedrich-Naumann alemá ou o Centre Forum británico. Todo un exemplo prático da defensa que facemos de Galicia como célula de universalidade que pode e debe relacionarse co mundo sen complexos e sen intermediarios. É triste e, ao mesmo tempo esperanzador, constatar que en relación ás nosas posibilidades facemos moito máis pola proxección internacional de Galicia en positivo que calquera dos gobernos da Xunta desde a transición por non falar do escasísimo papel que neste sentido teñen xogado os tres partidos presentes, neste momento, no Parlamento Galego. Como non cobran por imaxinar, imaxinemos o que podería lograr nesta área unha Galicia gobernada por Converxencia XXI e depois, non perdamos máis tempo en falar e queixarnos e continuemos ou comecemos a traballar para facelo realidade.