Temas: EUROPA IGADI

Como hai que repensar Europa desde aquí?

Distintos expertos galegos falarán en Pontevedra sobre europeísmo, economía, política e crise institucional.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 18/09/2017 | Actualizada ás 11:35

Comparte esta noticia

“Repensar Europa desde aquí”. É o nome que leva o II Congreso de Estudos Internacionais de Galicia que, este ano, permitirá reflexionar sobre o que está actualmente a acontecer en Europa, da man de expertas e expertos tanto galegos como provenientes de España e Portugal.

Celebración do I Congreso de Estudos Internacionais de Galicia, na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra
Celebración do I Congreso de Estudos Internacionais de Galicia, na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra | Fonte: IGADI.

Por segundo ano consecutivo, o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, IGADI e o Observatorio de Gobernanza G3 da Área de Ciencia Política e da Administración da Universidade de Vigoorganizan este foro que comezará este luns ás 16.00 horas e que rematará o martes. 

Na inauguración participarán Xosé Manuel Baamonde Silva, Decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo; Miguel Anxo Fernández Lores, Alcalde do Concello de Pontevedra; Jesús Gamallo Aller, Director Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia; Ernesto Pedrosa Silva, Presidente do Consello Social da Universidade de Vigo; Carlos López Font, Deputado Provincial pola Deputación Provincial de Pontevedra; e Daniel González Palau, Director do IGADI e membro do comité directivo deste II Congreso de Estudos Internacionais de Galicia.

 

Entre as distintas charlas destacan a que, baixo o nome de “Galeguismo e Europeísmo”, estará a cargo de Camilo Nogueira Román, quen fora representante galego ante o Parlamento Europeo (1999-2004). A presentación será realizada por Daniel González Palau.

Tras esta Conferencia Inaugural, abrirase a primeira sesión, de carácter Político-Institucional, baixo o título “Europa, de novo na encrucillada”. Moderado por Celso Cancela Outeda, da Universidade de Vigo e membro do comité directivo deste Congreso, esta sesión contará coa participación de Antonio C. Pereira Menaut (Universidade de Santiago de Compostela); Argimiro Rojo Salgado (Universidade de Vigo); e Ana Ramos Barbosa (Fundación Galicia-Europa). Con esta sesión pecharase o primeiro día do Congreso.

O martes será a quenda da Sesión Económica baixo o título de “Europa na mundialización”. Coa moderación de Carmen Novas Ferradás, responsable de comunicación do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, esta sesión contará coa participación de Anxo Calvo Silvosa (Universidade da Coruña); Xavier Vence Deza (Universidade de Santiago de Compostela); e Xavier Martínez Cobas (Universidade de Vigo). 

Posteriormente, darase paso a partir das 12:00 horas da sesión Socio-Cultural, baixo o título: “Días contados para a Europa do benestar?”. Moderado por Álvaro Xosé López Mira, da Universidade de Vigo e membro do comité directivo deste Congreso, esta sesión contará coa participación dos profesores da Universidade de Vigo Albino Prada Blanco, Celso Cancela Outeda e Constantino Cordal Rodríguez.

A partir das 16:00 horas comezará a última sesión deste Congreso, baixo o título de “Europa, no mundo con voz propia”. Baixo a moderación de Roberto Mansilla Blanco, analista do IGADI, esta sesión contará coa participación de Rafael García Pérez (Universidade de Santiago de Compostela); Sandra Dias Fernandes (Universidade do Minho, Portugal); e Cristina Manzano (directora de Esglobal).

O II Congreso de Estudos Internacionais de Galicia finalizará mañá martes 19 ás 18:30 horas, cunha sesión de Clausura que, baixo o título de “A idea de Europa”, contará coa conferencia de Eduardo Olier Arenas, director do Instituto Choiseul e experto en xeoeconomía. Este acto será presentado por Juan Manuel Corbacho Valencia, vicerreitor do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo.

Temas: EUROPA IGADI
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta