Por Galicia Confidencial | Vigo | 27/09/2017 | Actualizada ás 09:10
A dirección de Compromiso de Galicia (CxG) acaba de pronunciarse con contundencia sobre o referendo catalán: “Entendemos que necesariamente o pobo catalán ten que ter dereito a decidir, como o vasco e o galego. Pero tamén o escocés, o canadense e aquel que o reclame. A sociedade así o demanda. É necesario o dialogo para fornecer un convivencia con garantías”, suliña o seu líder, Xoán Carlos Piñeiro.
Piñeiro amosou a postura do seu partido logo de que outros dirixentes, como o candidato de CxG en Vigo, Miguel Barros, amosarase moi crítico co referendo catalán. “As acusacións de indolencia política e falta de diálogo son eufemismos para non recoñecer que os independentistas non aceptan outro diálogo que non sexa a separación do estado”, suliñaba nun artigo publicado no GC Aberto, a sección que este medio abre para a participación de cidadáns e colectivo.
Un artigo que foi duramente criticado por parte dos seus compañeiros de partido. “Miguel Barros, non representa ningún órgano de Compromiso por Galicia, nin é candidato a nada neste momento. Respeto á súa opinión pero non a comparto, xa que vai en contra da opinión colexiada de CxG e do noso Camiño como Partido. Fora mellor que tamén Miguel Barros respetase a opinión do Partido e a postura do seu Secretario Xeral, non xerando dubidas no camiño de Compromiso. Posturas de máximos nunca fixeron avanzar á sociedade”, respóndelle Xoán Carlos Piñeiro nun comunicado remitido a Galicia Confidencial.
Críticas a Rajoy
Ademais, suliña que “o inmobilismo e falla de visión do Sr Rajoy esta levando a situación a un posición sen retorno” e que “é hora xa de recoñecer os dereitos históricos a quen os ten”, en alusión a Cataluña.
Piñeiro insiste, nun comunicado remitido a Galicia Confidencial, que o modelo de Estado está “totalmente esgotado”, e que é hora de construír un “Unha Europa dos Pobos”. “Precisase un marco xurídico que ampare as consultas de forma legal e que sexa garante do dereito a decidir e á democracia”, indica en referencia a Gran Bretaña e Canada.
Por iso, cre que “é hora da Democracia e da Política non é hora da forza e da imposición” e que a “Constitución non é un dogma”, senón que tería que ser un “documento vivo e adaptable para medrar como sociedade”.
Finalmente, lembra que Compromiso por Galicia é unha “forza moderna”, que quere impulsar un “camiño de dignidade” para Galicia co máximo autogoberno dentro de Europa e do Estado, e que “sabe firmemente que co actual marco xurídico non é posible”. “O café para todos esta rematado, é hora de construír unha relación nova”, conclúe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.