Alén dalgún caso illado no que pode haber responsabilidade individual dalgún funcionario, a responsabilidade desta represión perténcelle só aos responsábeis políticos do Goberno de Rajoy, que ordenaron un conxunto de intervencións propias do réxime turco ou mesmo do franquismo, xogando con milleiros de funcionarios sen abeiro legal, xa que ninguén lle quitou aos Mossos a competencia integral en seguranza cidadá e como policía xudicial.
Ou sexa que a represión foi inmoral, desaquelada, ilegal e antidemocrática. Mais foi, tamén, un grandísimo erro. Segundo o relato do Goberno do Estado (asumido por moitos que hoxe, en troques, arrepíaron diante da intervención gobernamental) o referéndum era ilegal, estaba prohibido polo Constitucional e non había garantías ningunhas no seu desenvolvemento. Se é así, que sentido tiña mallar na xente indefensa para evitar unha votación que non podía ter efecto xurídico ningún?
Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya ordenaralle aos Mossos (e só aos Mossos) impedir a apertura dos colexios antes das 6 a.m. do domingo. E o Maior da policía catalá, Josep Lluis Trapero, actuou coma un profesional, dispoñendo executar o mandato xudicial sempre que non se derivasen males maiores da intervención. A regra básica de calquera policía democrática.
O efecto na Europa foi abraiante. Os gobernos escandinavos, bálticos, escocés, vasco e mesmo o do Reino Unido amosaron xa o seu rexeitamento. A Generalitat anunciou accións contra España perante as institucións da UE, por vulneración dos valores fundacionais da Unión e agresión á súa propia cidadanía. Bruxelas non pode ficar impasíbel diante da vulneración dos dereitos fundamentais de milleiros de cidadáns europeos.
Mentres, as declaracións dos unionistas (Rajoy, Rivera e Pedro Sánchez) na noite do domingo amosaron que seguen sen se enterar que o desafío democrático catalán non vai de partidos nin de líderes, senòn que se basea nun movemento social pacífico, interclasista e transversal.