Por Galicia Confidencial | Compostela | 03/10/2017 | Actualizada ás 09:00
Estudantes e profesores da Facultade de CC. da Educación da USC concentráronse este luns na facultade para denunciar os feitos acontecidos o domingo en Cataluña tras a contundente actuacións dos antidisturbios.
Así, compararon a actuación policial co apartheid que tivo lugar durante moitos anos en Sudáfrica e criticaron ao Goberno español por “esconderse, para xustificar a desmesurada violencia que empregou, baixo a careta da legalidade”. “Legalidade creada e sustentada polos herdeiros da dictadura. Legalidade empregada dun xeito ruín para atacar a un pobo que simplemente estaba exercendo o seu dereito a decidir”, indicaron nun comunicado.
Así, indicaron que a concentración se produciu para “berrar ben alto que nos estamos do lado da xustiza, do lado da democracia, do lado dos feridos e feridas e do lado do pobo catalán; e que non ficamos nin ficaremos calados/as e moito menos seremos cómplices das atrocidades de este goberno”.
Neste sentido lembraron a Desmond Tutu, activista anti-apartheid, e suliñaron que Sudáfrica dotouse de leis que promovían e explicaban a segregación racial. “E nos estamos hoxe aquí precisamente porque somos conscientes diso. Somos conscientes de que se non denunciamos e nos rebelamos polo acontecido onte en Cataluña estaremos entón do lado da represión, do lado dun goberno que onte so foi quen de utilizar a vía da violencia fronte a moitas outras”, concluíron.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.