Por Galicia Confidencial | Ourense | 06/10/2017 | Actualizada ás 09:00
O Concello da Veiga contará cun gran observatorio astronómico. O seu obxectivo será potenciar Galicia como destino turístico Starlight e, tamén, servir como centro de investigación científica e académica.
O futuro observatorio astronómico constará dun edificio con criterios de eficiencia enerxética e uso de enerxías renovables e estará equipado, ademais, dun planetario de última xeración. Segundo informa a Xunta, será unha infraestrutura destinada tanto para usos científicos e académicos como para afeccionados e visitantes e tamén terá un espazo para exposicións onde se poderán programar igualmente charlas, xornadas e obradoiros.
"Con esta actuación, a Xunta de Galicia impulsa a divulgación da ciencia e da astronomía ao mesmo tempo que estimula novas vocacións científicas e se converte nun foco de atracción de visitantes fomentando o turismo astronómico", apuntou o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, este xoves logo da rolda de prensa posterior ao Consello.
Esta infraestrutura está situada no que é un dos dous destinos Starlight da Comunidade galega, é dicir, lugares visitables que posúen excelente calidade para a contemplación dos ceos estrelados e a práctica de actividades turísticas baseadas neste recurso.
O observatorio custará máis de 600.000 euros e é froito dun acordo de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Turismo de Galicia, o Instituto Enerxético de Galicia (da Consellería de Economía, Emprego e Industria), a Deputación de Ourense e o Concello da Veiga para a súa realización.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.