Por Xurxo Salgado | Vigo | 17/10/2017 | Actualizada ás 14:38
“Fixémolo sen as institucións, sen poderes que nos coordinaran, como se fora hai 30 anos. Non houbo planificación e non tivemos capacidade real de dar todo o que podíamos”, asegura nesta entrevista na que critica que non existe unha “estrutura seria de coordinación.
“Menten descaradamente. Cando facía falta xente non había xente”, engade. "Nin estaba a UME nin ao resto dos profesionais dos que falan. Eu nos montes do entorno de Vigo só atopei un cuadrilla de oito peóns e varios axentes forestais. Iso durante todo o domingo na área metropolitana de Vigo e mesmo fóra dela".
Ademais, suliña que non hai tampouco unha política forestal clara. “O monte galego é un desastre ecolóxico e iso é un problema dos gobernantes por non saber ordenalo. É facil botarlle a culpa aos incendiarios, pero o que hai é que dar solucións”, aclara.
Pero para Miguel o máis importante foi a reacción da xente que se botou á rúa para axudar. “Temos un pobo que cando hai que reccionar é todo colaboración e honestidade. Damos grazas á xente. A todos eles.
Supoño que son os días máis duros como bombeiro da túa vida, non?
Como bombeiro foi unha situación límite. Eramos moi poucos a traballar, sen capacidade de reacción e foi grazas aos veciños que poidemos traballar. Pero fixémolo sen as institucións, sen poderes que nos coordinaran, como se fora hai 30 anos. Non houbo planificación e non tivemos capacidade real de dar todo o que podíamos porque, por exemplo, a miña dotación tardou catro horas en atopar a outra dotación forestal e, cando nos atopamos con eles, estaban sen auga. Profesionalmente é imposible tragballar así.
E cal é a sensación que tes logo de loitar case dous días seguidos contra os lumes?
Pois que se pode facer moito mellor. Levamos denunciando hai tempo que non hai estrutura seria de coordinación e que se politizou as emerxencias. E isto fai que, cando acontencen estas traxedias, pois se repeita sempre o mesmo caos. Por iso é polo que non estamos dando solucións aos cidadáns.
Ti foches un dos que estivo ns puntos quentes da área metropolitana de Vigo, onde había perigo severo para as persoas. Como foi a intervención neses lugares?
Cando comecei a traballar no Monte Galiñeiro e en Zamáns fomos quen de controlar a situación nun primeiro momento, pero logo vimos tamén que o lume corría de xeito impresionante para o monte Alba e tentabamos poñernos en contacto co 112. Pero durante horas foi imposible coordinarnos. E por iso fixemos o traballo sós. Logo desprazamonos a Chandebrito, en Nigrán. Aquilo era dantesco, coma un inferno. A zona illada e sen poder entrar. Os veciños estaban rodeados por lume e só había policías nacionais tentando axudalos. O que tentei entón foi buscar vías seguras pero era moi difícil pola intensidade do incendio. Só puidemos evacuar no meu coche e no da Policía a varias persoas. Cando quixemos volver, xa non puidemos. Tivemos que agardar unha hora. Foi entón cando os veciños comezaron a dicir que faltaba un coche. Comezamos a buscalo e foi cando dimos coa furgoneta queimada. Iso se podía solucionar se a Xunta puxera motobombas sen saír do núcelo da poboación. No momento aquilo era un forno e a situación dantesca. A xente maior pasouno mal co fume. Logo desprazámonos a Valadares, en Vigo. Vivimos situacións de moito pańico, con bulos, e non dabamos abasto, indo dun sitio a outro. Durante todas as horas de servizo as dotacións estivemos traballo sen descanso.
As 24 horas?
Si e nalgúns casos mesmo case 40 horas. Os que saíron da garda continuaron e deron todo o que tiñan.
Fálase moito de incendiarios, de terroristas do lume, de grupos organizados. A túa experiencia que che di?
A min o que me di é que non se pode botar a culpa a unha situación concreta cando non hai prevención, nin xestión mediambiental, nin capacidade profesional. Non podes ter o monte como se fora gasolina e logo culpar a quen bota o cigarro. O monte galego é un desastre ecolóxico e iso é un problema dos gobernantes por non saber ordenalo. É facil botarlle a culpa aos incendiarios, pero o que hai é que dar solucións. Por iso, os profesionais pedimos que se nos escoite.
Entón cal cres que son as razóns do que está pasando?
Pois estamos de costas ao monte. Tanto monocultivo de especies que non son autóctonas e que teñen unha capacidade de lume brutal, pois fan moito dano. A xestión de Emerxencias non é real porque non se poden contar cos voluntarios en momentos claves. E nesta crise viuse. A cidadanía ten vontade, pero para traballar a diario precisas xente preparada. E se temos montes abandonados e con especies perigosisimas e sen medios, pois pasa o que pasa.
Un punto ao que a Xunta nin o Goberno central queren chegar é o da coordinación. Insisten nos medios. Case 6.000 efectivos, moitos medios aéreos e, sobre todo, a UME a que non cansan de felicitar. E iso chega ou é para tapar outras cousas?
Menten descaradamente. Cando facía falta xente non había xente. Dicían que virían ás cinco da mañá os da UME. Eu estaba traballando aínda e xa non facían falla. Están mentindo. Non é verdade. Eu traballei alí e eu non atopei a todos eses profesionais dos que falan.
A UME tampouco?
Nin a UME nin ao resto dos profesionais dos que falan. Eu nos montes do entorno de Vigo só atopei un cuadrilla de oito peóns e varios axentes forestais. Iso durante todo o domingo na área metropolitana de Vigo e mesmo fóra, na zona de Pazos de Borbén. Os datos non son reais. Son sacados de manual para pasar o momento.
Din que había bombeiros doutras partes do Estado que querían vir botar unha man...
Si. Moitos compañeiros querendo vir. Pero como non hai coordinación pois non foi posible. Había xente de Sevilla, de Madrid, de Cataluña, de Valencia. Incríble. Todos dispostos a vir pero non podes traelos e chegar aquí e sexa todo un descontrol.
E ti cres que se aprenderá disto?
Non, porque vai volver pasar outra catástrofe. Levamos denunciando meses, anos. Ourense leva ardendo todo o verán e seguen culpando a catro e non se cambia o modelo de xestión e de emerxencias e de prevención. Aí está a triungalación necesaria para cambiar todo o sistema.
Es moi crítio cos poderes públicos. E da xente, que mes dis?
Temos un pobo que cando hai que reccionar é todo colaboración e honestidade. Damos grazas á xente. A todos eles. Tratáronnos cun respecto e cariño incríble. A mellor xente para traballar. E non é para quedar ben.
E, a patir de agora?
Nós imos seguir estando aquí. E temos a responsabilidade social de seguir garantindo a seguridade dos cidadańs e do medio ambiente. Así que seguiremos onde sempre estivemos, que é loitando, para que así sexa.
Pois que así sexa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.