Neste outubro de 2017, o goberno de Felipe (VI) de Borbón aprobou unhas rigorosísimas medidas de suspensión da autonomía catalá. Unhas medidas que vulneran o propio artigo 155 da Constitución na que se basean (que permite medidas de intervención autonòmica, nunca de suspensión ou anulación autonómica) e, xa que logo, alicérzanse moito máis naquel dereito de conquista gañado polo Borbón de 1714 ca no pactado constitucionalmente no 1978.
Todo o Goberno catalán será cesado. O Goberno do Estado gobernará directamente Catalunya e dirixirá a Administración autonómica, quer dende Madrid, quer nomeando comisarios ou órganos “ad hoc”. O Presidente do Goberno do Estado asume a capacidade de disolver o Parlament. O control parlamentario da Generalitat trasládase ao Senado e a iniciativa lexislativa condiciónase ao veto do Goberno do Estado.
Suprímese, xa que logo, o autogoberno catalán. Para máis, non existe un tempo limitado para esta suspensión nin se fixou data electoral para xaneiro, como querían os socialistas. Hai quen agoira varios meses de delongada intervención para españolizar Catalunya.
Enric Juliana definiuno moi a xeito: preténdese castigar Catalunya e envíase unha mensaxe moi nidia a respecto de quen manda de verdade non só ao pobo catalán, senón ao conxunto da cidadanía do Estado. Como dín os socialdemócratas eslovenos “o sábado morreu a Europa xusta e libre”.
A ARRINCADEIRA. Nin houbo sedición nin é competente a Audiencia Nacional
Non existiu sedición na conduta dos presidentes de Omnium Cultural e da ANC o 20 de setembro, por non existir violencia ningunha no seu comportamento. Canto máis poderían existir leves indicios de desordes públicas, delicto que non admite a prisión preventiva. Por outra banda, a Audiencia Nacional non é competente para axuizar a sedición, segundo o artigo 65.1 da Lei Orgánica do Poder Xudicial xa que a sedición non é un delicto cohtra a forma de Goberno, porque estes delictos desapareceron no Còdigo Penal de 1995. As vulneracións da legalidade por parte dos Poderes do Estado están a ser sendo continuas.