Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 30/10/2017 | Actualizada ás 13:16
"Os nosos resultados confirman a baixa adherencia á dieta mediterránea observada no noso país en distintos colectivos na última década e que a baixa adherencia á dieta mediterránea asóciase con maior tendencia ao desenvolvemento de obesidade". Esta é a conclusión dun estudo realizado por investigadores do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, ubicado no Complexo Hospitalario Universitario Álvaro Cunqueiro de Vigo.
O obxectivo foi coñecer o grao de adherencia á dieta mediterránea entre adultos en Galicia mediante unha enquisa a 201 persoas. Os resultados mostraron que a porcentaxe de persoas con baixa adherencia foi do 62,2%, con intermedia o 23,8% e con alta adherencia tan só o 13,9%.
O 89,3% dos suxeitos con normopeso —o peso considerado normal e, polo tanto saúdable, dunha persoa respecto da súa altura, o Índice de Masa Corporal (IMC)— tiña unha puntuación de alta adherencia á dieta mediterránea, mentres que no grupo con IMC maior ou igual a 30, é dicir, o que marca obesidade, foi de 10,7%.
Os resultados indican que "unha baixa adherencia á dieta mediterránea na mostra de poboación estudada" e que "as persoas con baixa adherencia tiñan maior tendencia a ser obesos", subliñan os responsables da investigación.
Os científicos alertan dun "progresivo abandono de patrón alimentario propio da dieta mediterránea", o cal se pode explicar porque "se dedica menos tempo á compra de alimentos e elaboración das comidas, en cambio, prefírense os alimentos procesados que xeralmente levan un consumo excesivo de alimentos de orixe animal, especialmente de carnes e derivados, e de azucres refinados, propios das sociedades do norte de Europa e Norteamérica, co consecuente incremento de graxas saturadas e colesterol na dieta, fenómeno que esta ocorrendo na maioría de países bañados polo mediterráneo".
Os resultados preséntanse nun artigo titulado 'Adherencia a la dieta Mediterránea en una muestra de la población adulta del sur de Galicia', asinado por María Cal Fernández e Ricardo García Mayor no último número da revista científica Nutrición Clínica y Dietética Hospitalaria, órgano de expresión da Sociedad Española de Dietética y Ciencias de la Alimentación (SEDCA).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.