A toxicidade xurídica da Audiencia Nacional

A Audiencia Nacional (AN) determinou no 2008 en Pleno (é dicir, unificando criterios para todas as Seccións penais) que o delicto de rebelión nunca foi competencia desta Audiencia, Mais a xuiza da AN, Carmen Lamela, en decisión ratificada por unha das súas Seccións considérase competente para coñecer dos delictos de rebelión e sedición, modificando ese criterio firme establecido en Pleno.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 05/11/2017

Comparte esta noticia

Por outra banda, é evidente que a conduta dos membros do Govern non constitúe delicto de rebelión, por faltar o elemento da violencia. Tampouco a conduta dos Jordis integra o delicto de sedición, por faltar unha incitación á violencia na consecución dos obxectivos políticos.
 Nunha democracia, tanto a competencia obxectiva dos Tribunais como a definición das condutas delictivas son  de interpretación  restritiva. Mais a AN sempre tentou facer interpretación extensiva dos conceptos xurídico-penais. Deste xeito chégase a conclusión de que “todo é ETA”, de que a violencia de baixa intensidade na rúa debe ser perseguida como terrorismo ou que Causa Galiza é unha banda armada.

O problema da AN é de orixe. Adolfo Suárez creouna no 1977 por Decreto-Lei dende a planta do franquista Tribunal da Orde Pública (TOP), que axuizaba delictos políticos. Considerábase que cumpría un Tribunal especial para enfrontar o terrorismo, mais axiña se lle foron outorgando máis competencias. Os seus xuices instrutores asumiron moitas veces o rol de xuices-estrelas, ás veces incorrendo en claras ilegalidades, como o abuso da prisión preventiva para acadar resultados nas pescudas. Os seus Tribunais adoitaron impór penas durísimas, extendendo ilegalmente tipos penais e conceptos xurídicos indeterminados ou vulnerando o principio da irretroactividade da lei penal, como no caso da doutrina Parot.

  En ningún país da Europa occidental existe un Tribunal excepcional como a AN. Na  provisión das súas prazas inflúe nomeadamente un Consello do Poder Xudicial refén das maiorías parlamentarias. E, sobre todo, constitúe unha Corte afastada do territorio e da sociedade e que actúa moitas veces máis como represor do inimigo ca como axuizador do cidadán.Velaí a súa anormalidade fronte ao principio constitucional do xuiz ordinario predeterminado pola Lei e a súa toxicidade a respecto do noso sistema xudiciario.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.