O socialista Alfredo García, novo presidente do Eixo Atlántico

A comisión executiva ratifica a necesidade de que se estableza unha unidade coordinadora das emerxencias ente España e Portugal con carácter permanente para a prevención e combate contra o lume.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 10/11/2017 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Alfredo García,  presidente da Fegamp e alcalde socialista do Barco de Valdeorras, foi elixido este xoves por unanimidade presidente do Eixo Atlántico na reunión que celebrou a comisión executiva da entidade en Valdeorras.

Alfredo García, alcalde do Barco e presidente da Fegamp
Alfredo García, alcalde do Barco e presidente da Fegamp | Fonte: ourensedixital.com

Trátase da primeira vez que unha localidade do interior de Galicia asume a presidencia do Eixo Atlantico desde o ano 2003, cando ostentaba este cargo Manuel Cabezas, alcalde de Ourense, quen tamén foi presidente da Fegamp durante a súa presidencia da entidade transfronteiriza.

Segundo apunta esta entidade, o feito de compatibilizar ambas as presidencias, a dos concellos e a Eurorrexión, reforza o peso do municipalismo nun momento clave para o futuro da Eurorrexión xa que se están negociando en Bruxelas as políticas de cohesión e os fondos que as financien para o período 2021-2028, primeiro período de programación post Brexit e post crise. “A batalla que enfronte en Bruxelas aos países partidarios das políticas de cohesión e aos contrarios á mesma vai precisar dunha voz forte do municipalismo para defender os intereses da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal”, indica nun comunicado.

Infraestruturas e emerxencias

A comisión executiva aprobou as liñas principais do programa para 2018, que se centrará no desenvolvemento da Axenda Urbana aprobada no congreso de Braga e das principais infraestruturas pendentes: Saída sur de Vigo para a liña A Coruña Lisboa, conexión Ferrol-A Coruña, liña ferroviaria Ourense- Lugo, liña de mercadorías Ourense- Palencia e construción da A76. 

Igualmente, a comisión executiva do Eixo Atlántico ratificou a necesidade de que se estableza unha unidade coordinadora das emerxencias entre España e Portugal con carácter permanente para a prevención e combate contra o lume en toda a fronteira.

A esta reunión asistiron os alcaldes do Porto, Braga, a nova alcaldesa de Matosinhos, o alcalde de Bragança e os alcaldes galegos de Lugo, A Coruña, Monforte e Lalín. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta