Mais o PP optou por rachar os consensos, xerar división social e defender unha idea de España anacrónica, autoritaria e uninacional. Feijóo bloqueou o novo Estatuto na súa xuntanza a tres co Vicepresidente Anxo Quintana e co Presidente Touriño. Mentres, Rajoy, xa líder do PP recorría perante o Tribunal Constitucional (TC) o Estatut catalán , avivaba o lume da catalanofobia recollendo sinaturas nas praias e bloqueaba o anovamento do TC para evitar unha sentenza que declarase inconstitucional o Estatut.
En xuño do 2010 o TC “mandó a parar” cunha sentenza que declarou inconstitucionais as principais solucións para avanzar no autogoberno catalán, sendo a primeira vez que se anulaba un texto ratificado antes pola cidadanía. Rachouse, pois, o pacto estatutario entre o Estado e Catalunya e implícítamente a propia Constitución, demostrándose que a interpretación dominante da Constitución impedía a evolución de España cara á plurinacionalidade.
Esta dinámica separadora fixo abrollar o independentismo catalán, até entón en níveis do 10%. O President Mas tentou en setembro de 2012 un pacto sobre financiamento que substituira a normativa económica do Estatut do 2006, declarada inconstitucional, mais a resposta de Rajoy foi de rexeitar calquera solución negociada.
Dende aquí o Goberno do Estado seguiu na súa teima de negar toda solución política, quer unha reforma constitucional que ratificase os avances estatutarios do 2006, quer un referéndum consultivo , que máis do 70% dos cataláns pedían. Un plebiscito perfectamente constitucional consonte co artigo 92 da Carta Magna.
O bloqueo das solucións politicas permitiu rearmar o nacionalismo español, ariete dunha recentralización que interesa a grande parte do Madrid financeiro, económico e mediático e non interesa nada a Galicia. O bloqueo ás solucións políticas está a prexudicar a convivencia, quizais de xeito irreparábel.