Campaña para recuperar a toponimia histórica galega cunha aplicación móbil

A ferramenta está a ser desenvolvida pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Galicia ten a maior densidade de topónimos de Europa.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/11/2017 | Actualizada ás 15:00

Comparte esta noticia

Un novo programa de promoción da lingua galega animará á cidadanía a colaborar na recuperación da toponimia histórica de Galicia, sobre todo de nomes de lugares dentro de cada concello, a través dunha aplicación móbil que poderá utilizarse tanto no teléfono como en tábletas e PC.

Mapa do mundo
Mapa do mundo | Fonte: Europa Press

Esta ferramenta, que está a ser desenvolvida pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), ofrecerá diversos modos de participación e axustarase á idade e especialización do usuario para que todo o mundo poida achegar o seu gran de area na preservación do patrimonio.

Xesús Ferro Ruibal, investigador e experto do Centro Ramón Piñeiro, centrou estas actuacións na chamada 'microtoponimia', un termo que aglutina todas as denominacións de lugares, fontes ou terreos, entre outras, que forman parte dos municipios.

Esta parte dos topónimos galegos condensa "boa parte da historia" dos núcleos de poboación do territorio, dado que a maioría destas denominacións se referían a actividades económicas que se realizaban na zona, ou algún feito e característica singular.

A evolución da sociedade, que pasou dunha marcada presenza nas zonas rurais e un envorco aos núcleos urbanos, está a provocar a desaparición de toda esta terminoloxía "pola falta de memoria" e de accións de conservación.

A MAIOR DENSIDADE DE TOPÓNIMOS DE EUROPA

O obxectivo desta campaña é avanzar na recuperación e na preservación desta "documentación" da historia que gardan estes nomes de lugares, co obxectivo de que sexa "almacenada para o seu estudo".

Neste sentido, apelou á riqueza terminolóxica de Galicia, calculada en preto do millón de topónimos, e que a sitúan como un "territorio moi vivido". O experto en toponimia da Real Academia Galega, Vicente Feijóo, valorou nesta liña que Galicia conta "coa maior densidade" de topónimos "de toda Europa".

CONCIENCIACIÓN SOCIAL

Así mesmo, Ruibal insistiu na aplicación práctica destes termos en cuestións de emerxencias, por exemplo, dado que permitiría contar con mapas moi completos e unha xeolocalización máis específica.

Para concienciar á sociedade da importancia destes traballos, o filólogo Vicente Feijóo protagonizará unha serie de charlas por preto dunha quincena de municipios, nas que tamén se lles explicará aos cidadáns interesados a forma de usar a aplicación electrónica.

Estas conferencias chegarán até A Coruña, Arteixo, Boqueixón, Lousame, Melide, Miño, Vedra, Palas de Rei, Sober, Viveiro, O Carballiño, Ourense, Cangas, O Grove e Silleda.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, destacou que se trata da primeira fase desta campaña e que, coa lema 'Toponimízate', se realizará no que queda de ano, arrincando en Ourense este mesmo xoves. Así, considerou que a iniciativa "marcará un antes e un despois" nos traballos de recuperación terminolóxica.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta