A capacitación en informática, clave para impulsar o emprego xuvenil

Economistas das Universidades da Coruña e a Autónoma de Madrid relacionan as habilidades informáticas e as taxas de emprego dos mozos no marco da Unión Europea.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 04/12/2017 | Actualizada ás 12:58

Comparte esta noticia

Un grupo de investigadores do Departamento de Estructura Económica y Economía del Desarrollo da Universidad Autónoma de Madrid e da Facultade de Económicas da Universidade da Coruña vén de publicar un estudo no que analizaron a empregabilidade dos mozos entre 15 e 24 anos en relación cos novos desafíos das cidades intelixentes. As conclusións obtidas apuntan á capacitación en informática como un factor clave para impulsar o emprego xuvenil. 

Aula de informática na universidade
Aula de informática na universidade | Fonte: campusvida.com

Mediante unha análise de medias e modelos de ecuacións estruturais, os economistas analízaron as diferenzas entre a zona euro e os demais países da Unión Europea, así como a importancia das tecnoloxías da información e as habilidades informáticas para aumentar o emprego xuvenil.

Os resultados indican que a conciencia da importancia das habilidades en tecnoloxías da información e da comunicación é maior na zona euro. Ademais, as habilidades informáticas son moi importantes para explicar a empregabilidade dos mozos

Este traballo, din os seus autores, podería proporcionar algunhas ferramentas para axudar aos xestores de políticas públicas a deseñar ferramentas para aumentar o emprego xuvenil, así como a proporcionar mecanismos de capacitación para obter a man de obra cualificada necesaria para as empresas que xurdiron na contorna das cidades intelixentes. Estas, engaden, poden entenderse como un espazo inclusivo para que todas as persoas poidan alcanzar as súas mellores opcións, no marco do desenvolvemento sustentable, onde as institucións impulsan contornas de información e tecnoloxía que axudan a lograr o maior benestar individual e social co obxectivo de mellorar a vida dos cidadáns. 

O principal valor orixinal deste traballo, engaden, é relacionar as habilidades informáticas e as taxas de emprego dos mozos no marco da Unión Europea.

O traballo publícase no Journal of Science and Technology Policy Management e está asinado por Jose Picatoste, Laura Pérez-Ortiz e Santos Miguel Ruesga-Benito, pola Universidad Autónoma de Madrid, e Isabel Novo-Corti, pola Universidade da Coruña.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta