Buscan ás persoas que viviron nos chans contaminados por lindano do Porriño

"Tomamos medidas desde o primeiro momento e actuarase segundo digan os resultados da ciencia, que é o que hai que facer, e non do que diga a bruxaría", di o conselleiro.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 04/12/2017 | Actualizada ás 21:11

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, afirmou este luns que o departamento autonómico está a traballar para caracterizar ás persoas con probabilidade de exposición ao lindano no Porriño, por vivir na zona na que se detectaron chans e augas contaminadas.

Zonas do Porriño onde se detectou lindano
Zonas do Porriño onde se detectou lindano | Fonte: xunta.gal

Manifestouno en resposta a Eva Solla (En Marea), quen alertou de que este é "un problema grave e urxente", e reprobou que o Executivo autonómico "non faga nada". "Non lle vou a consentir que nos diga que non nos importan os cidadáns do Porriño",dioxo Almuiña, quen lamentou que Solla "só busque meter o medo no corpo".

"Tomamos medidas desde o primeiro momento e actuarase segundo digan os resultados da ciencia, que é o que hai que facer, e non do que diga a bruxaría", aseverou, antes de lamentar que Solla estea no Parlamento para facer "política da mala". En fronte, reivindicou a necesidade de "eliminar o risco para a poboación".

Así, subliñou que se actuou e que, "entre as persoas enquisadas, houbo 14 que referenciaron lesións dermatológicas que aparecen nos últimos meses", polo que se axustarían á definición de "caso probable de intoxicación", aínda que tería un carácter "leve". Tamén defendeu que se informou ao persoal sanitario do Porriño e do Hospital Álvaro Cunqueiro.

Entre outros pasos, lembrou que se recomendou, a través do Concello, que as persoas da zona afectada non consumisen auga de pozos, fontes ou traídas veciñais se non dispoñen de análises que indiquen a ausencia de contaminación por lindano.

Así mesmo, mentres non leve a cabo a caracterización e a limitación do lugar afectado, recomendouse que non se consuman alimentos cultivados na zona, especialmente tubérculos. O conselleiro concretou, así mesmo, que levaron a cabo 60 análise de auga e, segundo os resultados, dous terzos deles estarían libres de contaminación por lindano.

HOSPITAL DO SALNÉS

Por outra banda, en resposta á deputada do PPdeG Marta Rodríguez Arias, quen alertou de "falsidades" que apuntan "ao peche" do Hospital do Salnés, o conselleiro de Sanidade replicou que "protexer a sanidade" debería ser unha responsabilidade "de todos" á marxe da confrontación política.

Nesta conxuntura, reafirmou o "compromiso" do Executivo coa sanidade pública e, en concreto, reivindicou que todos os pasos dados pola Xunta en relación ao Hospital do Salnés han ir encamiñados a "mellorar" as prestacións sanitarias.

Así, concretou que se investiron máis de 9,3 millóns de euros no últimos cinco anos na "mellora e ampliación" do centro. En concreto, esgrimiu que se incrementaron nun 27 por cento os seus espazos e dotacións, e que a lei de saúde "blinda a existencia" do hospital comarcal. Ademais, remarcou que a infraestrutura sanitaria disporá en 2018 dun novo Hospital de día Médico e dunha nova área de esterilización.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta