Guerra sindical no Grupo Calvo tras o peche da planta de Esteiro

A decisión do Grupo Calvo de levar os traballadores de Muros a Carballo ten dividido aos sindicatos. CIG e CCOO néganse a negociar coa empresa, mentres que UGT, que negocia, acusa ao resto de “politizar” o conflito laboral.

Por Xurxo Salgado | Muros | 07/12/2017 | Actualizada ás 14:47

Comparte esta noticia

A decisión do Grupo Calvo de pechar a súa planta en Esteiro e trasladarse á de Carballo ten creado un cisma entre os representantes sindicais, ademais dun pequeno terremoto na política local. Tras as declaracións dun deputado do PP, que en sede parlamentaria dixo que as traballadoras de Esteiro que se despracen a Carballo “seguirán comprando no mesmo supermercado, indo á mesma igrexa, á misa ou aos enterros”, CCOO e UXT ensinan as súas cartas neste conflito.

Traballadoras da conserveira Calvo
Traballadoras da conserveira Calvo | Fonte: CIG

Comisións Obreiras (CCOO) pediu xa a renuncia deste deputado “por inxuriar o sindicato e faltarlles ao respecto ás traballadoras”. Mentres, Diego Caamaño, presidente do Comité de Empresa da planta que o Grupo Calvo ten Esteiro, lamenta a “politización” dun conflito que afecta a preto dun cento de empregados da comarca de Muros.

O GRUPO CALVO ANUNCIA QUE MARCHA

Para entender o que pasa na planta que o Grupo Calvo ten en Esteiro hai que remontarse a outubro. Entón, a empresa comunicou que ía facer unha fusión das dúas plantas; a de Carballo e Esteiro, porque a segunda estaba dando perdas. E propuxéronlle as súas traballadoras desprazarse a Carballo.  

E é aquí cando comezan as división. Actualmente, o Comité de Empresa está en mans de UXT. Ten cinco representantes, por 3 de CCOO e 1 da CIG. Os primeiros propóñen votación a man alzada para negociar coa empresa e a súa proposta sae gañadora. Os doutros dous sindicatos piden votación secreta. Vólvese votar e 48 empregados apostan por negociar e 40 por non negociar. 

Planta de Calvo en Carballo (A Coruña)
Planta de Calvo en Carballo (A Coruña)

“A partir de entón tanto CIG como CCOO din que non negocian porque non hai maioría. E retíranse”, apunta Diego Caamaño. A decisión provoca un cisma e tensión entre os traballadores, tanta, que cada un vai por libre.

Así, mentres UGT comeza a negociar; CCOO e CIG apártanse e “levan o tema ao terreo político”, segundo Caamaño. “Nós non queremos que peche. Estamos ao carón da casa. Pero xa estivemos preguntando, tendo xuntanzas, coa Xunta, co concello, cos partidos e todos din que non hai marcha atrás”, indica en declaracións a GC.

De feito, foi el, o propio presidente do Comité de Empresa quen se puxo en contacto con este medio  para tentar dar a súa versión dos feitos, logo de que “CCOO levara isto ao Parlamento galego”. “A xente ten que saber que Calvo puxo tres solucións enriba da mesa: un ERE, un despido colectivo ou ir a Carballo. E para nós a mellor opción era ir a Carballo”, dixo.

QUE SE CONSEGUIU

Caamaño suliña que están negociando coa empresa e que, ata agora, “as cousas van por bo camiño”. Así, indica que o Comité conseguiu que a empresa puxera transporte para o desprazamento a Carballo, que as dúas horas de ida e volta que leva chegar alí foran computadas como horas de traballo e que o horario fora o que había en Esteiro, é dicir, desde as sete da mañá á unha da tarde. “É fodido ir ata Carballo pero algo é algo”, indica.

A empresa tamén aceptou pagar 33 días por ano polas 18 mensualidades para os que decidan marchar da empresa e tamén a posibilidade de prexubilarse aos 59 anos. Tamén axudas por vivenda de 300 euros durante dous anos para os que queiran ir a Carballo. E, todas estas condicións, estarán en vigor ata un ano despois de ser asinadas para os que, nese tempo, decidan marchar.  

Por iso, Caamaño acusa aos outros sindicatos e, especialmente a CCOO, de “mentirlle á xente” e de “politizar” este conflito. “Eu pregunteille na asemblea e na reunión que dera solucións, pero o único que din é que non pode pechar e xa está. Pero a nós nos insisten en que o peche é irreversible”, indica. E lembra que hai 3 anos tanto CCOO como a CIG tiñan maioría no comité, mentres a empresa levaba as máquinas a Carballo, “e non fixeron nada”.

Tal é a tensión interna que a representación de UXT ameazou ao resto de sindicatos con levalos ao xulgado por difamación. “E isto é todo por culpa da política. Os traballadores están acolloados e xa hai quen di que firmemos sen eles, pero nós queremos levalo a unha asemblea e que sexa ratificado pola maioría”, conclúe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Non importa.

Que digan a prexubilación que ofrecen, que e absurda. Este artigo dí a información a medias. Qn o lea pensará que negociaron algo bo e a UXT non negociou nada, vendéronse por melloras para eles.